Retornan as sesións da Facultade Ágora coa directora de Saúde Pública da OMS

Pontevedra
15 de setembro 2021

Na sesión deste venres 17 participarán profesionais de prestixio encabezados pola médica María Purificación Neira, que dirixe o departamento de Saúde Pública e Medio Ambiente da Organización Mundial da Saúde (OMS), e que nestes momentos está na primeira liña mediática pola pandemia da COVID

María Purificación Neira, directora do departamento de Saúde Pública e Medio Ambiente da Organización Mundial da Saúde (OMS)
María Purificación Neira, directora do departamento de Saúde Pública e Medio Ambiente da Organización Mundial da Saúde (OMS) / Deputación de Pontevedra

A Facultade Ágora, a iniciativa formativa da Deputación de Pontevedra para persoal político e técnico da provincia enfocada na mellora do espazo público e o aumento da calidade de vida das persoas, vai retomar este venres 17 a súa actividade logo do parón do verán para falar da relación entre espazos públicos, saúde e biodiversidade.

O plantel de profesores e profesoras para esta xornada está formado por profesionais de prestixio e vén encabezado pola médica María Purificación Neira, que dirixe o departamento de Saúde Pública e Medio Ambiente da Organización Mundial da Saúde (OMS), e que nestes momentos está na primeira liña mediática pola pandemia da COVID.

O principal obxectivo da xornada, á que asistirán de maneira mixta, presencial e por zoom, as máis de 200 persoas apuntadas, pretende estudar a relación entre a humanización do espazo público e a mellora da saúde e a biodiversidade, complementando as exposicións cun repaso práctico de experiencias locais. Entre outras, porase sobre a mesa temas como a importancia dos novos modelos urbanos, xa interiorizados por gobernantes e poboación, que buscan reducir o impacto do tráfico motorizado e a contaminación ambiental. De maneira concreta abordarase como a polución está a afectar á cidadanía, a prevalencia de determinadas enfermidades relacionadas co modelo de vida aínda imperante, e o feito de que as persoas máis vulnerables son as que máis sofren as consecuencias.

"Antes do verán fixemos seis seminarios englobados en dous bloques, sobre o ‘Bo urbanismo’ e a ‘Boa mobilidade’, e agora iniciamos un novo bloque temático ‘O medio habitable’, no que queremos disertar e dar unha visión plural sobre o espazo público falando da saúde e a biodiversidade", sinala o Uxío Benítez, deputado de Mobilidade Alternativa e Espazos Públicos, departamento que impulsa o proxecto da Facultade Ágora .

Ademais da doutora María Purificación Neira, directora do Departamento de Saúde Pública e do Ambiente da OMS, participará na sesión do venres o biólogo e experto verde urbano Josep Selga, que disertará sobre a importancia do "verde" como un recurso para facer cidades máis atractivas e habitables; o neumólogo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) Adolfo Baloira, que incidirá nas afeccións sufridas pola cidadanía debido á contaminación; e a arquitecta e ex directora da Escola Galega da Paisaxe Isabel Aguirre de Úrcola, que achegará a súa experiencia en rehabilitacións paisaxísticas na Illa do Cobo de Pontevedra, o parque santiagués de Bonaval, co arquitecto Álvaro Siza, ou diversos parques en Lisboa.