Reunión do alcalde con representantes das axencias de viaxes para informar das axudas Supera21

Pontevedra
04 de febreiro 2021

O sector das axencias de viaxes vén sumarse a outros colectivos profesionais que xa mantiveron encontros con representantes do goberno local nas últimas semanas como son o hosteleiro, o hoteleiro, o comercio da cidade e o comercio ambulante

Reunión do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, con representantes das axencias de viaxes
Reunión do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, con representantes das axencias de viaxes / Concello de Pontevedra

Este xoves o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, reuníase con representantes da Asociación galega en defensa das axencias de viaxes (AGADAV), encabezados pola presidenta do colectivo, Mar Moreira, dentro da rolda de xuntanzas que está a manter "con todos os sectores afectados para recoller as súas demandas, e ver de que maneira podemos responder mellor" na actual situación económica, co obxecto de incorporar aquelas achegas de interese á convocatoria de axudas Supera21, manifestaba o alcalde.

O alcalde, que estivo acompañado polas concelleiras de Promoción Económica, Yoya Blanco, e de Réxime Interior, Anabel Gulías, declaraba ao remate do encontro que "sabendo que a situación é dramática, nós imos facer o máximo esforzo posible para que todos os sectores económicos da cidade poidan saír o mellor posible desta pandemia".

Neste sentido, Fernández Lores indicou que a achega que o Concello fai a través das dúas convocatorias da liña Supera, as correspondentes ao 2020 e a do 2021, é porcentualmente superior á achega que fai a Xunta. Así, para a convocatoria Supera21, o Concello destinará unha partida de 1.700.000 euros, o que supón máis do 2% do orzamento municipal.

Deste xeito, o sector das axencias de viaxes que, en palabras do alcalde "é un dos máis afectados", vén sumarse a outros colectivos profesionais que xa mantiveron encontros con representantes do goberno local nas últimas semanas como son o hosteleiro, o hoteleiro, o comercio da cidade e o comercio ambulante. En vindeiros días, a rolda de reunións continuará con máis representantes de axencias de viaxes, ademais do sector dos salóns de peiteado e o colectivo de taxistas.