Reunión entre a alcaldesa de Marín e a conselleira de Medio Ambiente para axilizar a construción do Auditorio

Marín
15 de setembro 2020

A alcaldesa María Ramallo informou á conselleira do punto no que se atopan os traballos previos á construción do Auditorio. O equipo de arquitectos que resultou gañador do concurso está neste momento a rematar o proxecto definitivo do Auditorio, que será entregado oficialmente no Concello nas vindeiras semanas

Reunión da alcaldesa de Marín, María Ramallo, coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez
Reunión da alcaldesa de Marín, María Ramallo, coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez / Xunta de Galicia

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, mantiña unha reunión de traballo coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, para avanzar nos prazos de construción do novo Auditorio Municipal, proxectado na zona portuaria.

María Ramallo informou á conselleira do punto no que se atopan os traballos previos á construción do Auditorio. Despois de todo o proceso de elaboración de pregos e de licitación desta obra, o equipo de arquitectos que resultou gañador do concurso está neste momento a rematar o proxecto definitivo do Auditorio, que será entregado oficialmente no Concello nas vindeiras semanas.

Segundo informa a Consellería, unha vez que se conte co proxecto definitivo, Xunta e Concello impulsarán un convenio de colaboración económica co que garantir a materialización desta infraestrutura cultural.

Tanto a alcaldesa como a conselleira coincidiron en sinalar que unha colaboración destas características facilita poder ofrecer a nivel municipal un mellor e máis amplo abano de servizos públicos para a veciñanza e contribuír deste xeito a revitalizar o tecido sociocultural de Marín. Xa que logo, esta infraestrutura dará resposta á demanda e á necesaria oferta de contidos culturais de cara á cidadanía marinense.

Ademais, a construción do Auditorio enmárcase nunha rehumanización global da zona, redundando nunha mellora deste espazo urbano de uso público, segundo se lembrou nesta reunión.