Revisa as condicións do teu vehículo: a DXT comeza unha campaña especial

Pontevedra
16 de xullo 2017

Entre o luns 17 de xullo e o domingo 23 a Dirección Xeral de Tráfico manterá activa unha campaña especial de vixiancia. Controlarase que os vehiculos circulen polas estradas galegas en óptimas condicións

Control da Garda Civil de Tráfico
Control da Garda Civil de Tráfico

A idade media dos vehículos que circulan actualmente pola comunidade galega é de 15 anos. Segundo a Dirección Xeral de Tráfico persiste a tendencia ao envellecemento do parque de automóbiles. Por iso desde o luns 17 de xullo e ata o domingo 23 axentes da Agrupación de Tráfico da Guadia Civil van intensificar os controis de vixilancia. O obxectivo que se pretende é garantir que se cumpre cos requisitos establecidos na lexislación.

As óptimas condicións do vehículo son un factor importante respecto ao aumento ou redución da sinistralidade. De feito a antigüidade do vehículos é un factor de risco ao carecer dos sistemas e equipamentos de seguridade que se foron introducindo nos últimos anos. O dato que achega a DXT é a comparativa entre accidentes con vehículos con máis de dez anos de antigüidade e con menos de cinco. O risco de falecer ou resultar grave  duplícase no primeiro caso.

O mantemento e posta a piques de neumáticos, freos, iluminación e sinalización é imprescindible para reducir a sinistralidade. Así, a DXT lembra algunhas pautas para manter un adecuado estado dos vehículos: 

- Comprobar con frecuencia a profundidade do debuxo dos neumáticos. Aínda que o límite legal é de 1,6 milímetros, o recomendable é un mínimo de 3.

- As lámpadas deben cambiarse cada dous anos ou cada 40.000 quilómetros. De igual forma hai que ter sempre limpas as ópticas.

- As placas de matrículas deben ser perfectamente legibles e non estar deterioradas.

- En canto á documentación, xunto ao permiso de conducir débese levar obrigatoriamente o permiso de circulación, o cartón da ITV co adhesivo correspondente, visible na lúa dianteira.

Dáse a circunstancia que na mesma campaña da DXT realizada en xullo do ano pasado, o maior número de denuncias tramitadas estaban relacionadas coa Inspección Técnica de Vehículos (ITV). Nesta próxima, a campaña dispoñerá do máximo número de medios humanos e materiais dispoñibles e advertirase aos condutores da existencia próxima de controis, sempre que sexa posible.