Revisan se dous acusados do crime do Umia seguen en prisión o mes e medio que falta para o xuízo

Umia
21 de xaneiro 2014

Héctor Vázques acudiu á Audiencia para a vista e o seu avogado pediu que lle deixen en liberdade porque "entiendo que ni riesgo de fuga ni posibilidad de alteración de pruebas. Existen elementos como para no prorrogar el ingreso en prisión". Jesús Piñeiro presenciou a sesión por videoconferencia dende Conxo. A fiscal e a acusación particular pediron que ambos sigan privados de liberdade

Héctor Vázquez, un dos catro acusados do crime do Umia
Héctor Vázquez, un dos catro acusados do crime do Umia

O crime do Umia do 22 de xullo de 2010 recalou este martes de novo na Audiencia Provincial de Pontevedra. A Sección Cuarta celebrou dous vistos para revisar a situación de prisión provisional de dous dos catro acusados, Jesús Piñeiro Mera 'Chicho' e Héctor Vázquez Liste, en dúas sesións nas que a fiscal e a acusación particular solicitaron prorrogar a estanza en prisión e os dous avogados defensores, que os seus clientes queden en liberdade ata a celebración do xuízo. A Audiencia resolverá nos próximos días coa súa decisión tras escoitar a todas as partes e estudar o procedemento.

O xuízo con xurado popular contra os catro procesados (os dous restantes son Adrián Ferro Couto e Borja Coucheiro Sanjurjo, aos cales xa se prorrogou a prisión provisional o pasado verán) está sinalado para o próximo 10 de marzo. A pesar de que queda tan só un mes e medio, era necesario que este martes se revisase a permanencia en prisión dos dous porque en febreiro se cumpren xa dous anos da súa detención e ingreso no cárcere.

A vista relativa a Héctor Vázquez Liste celebrouse coa presenza do procesado e a porta pechada. Estaba previsto que el se conectase por videoconferencia dende a prisión da Lama onde está internado, pero finalmente acudiu á Audiencia por problemas no sistema de comunicacións que non aseguraba que puidese chegar a contactarse con el no cárcere.

O seu avogado, José Luis Gutiérrez Aranguren, explicou que a fiscal e o particular alegaron que o seu cliente debe permanecer en prisión pola gravidade dos feitos que se lle atribúen e a pena elevada que se lle pide (20 anos por asasinato) e porque entenden que non se produciu ningunha variación na súa situación con respecto ao 2 de febreiro de 2012, cando o Xulgado de Caldas acordou o seu ingreso en prisión.

O letrado discrepa en todos os puntos. Así, cre que con respecto a 2012 agora xa non existe a posibilidade de "influir, modificar o ocultar pruebas, una vez que ya se acabó la investigación". Ademais, apela á "inexistencia de riesgo de fuga porque mi cliente es una persona que tiene arraigo social y familiar. No solo trabajaba, sino que además estudiaba, compaginaba las dos actividades y además con éxito".

"Entiendo que ni riesgo de fuga ni posibilidad de alteración de pruebas ni posibilidad, por desgracia, de causar daños a bienes jurídicos de la víctima porque está fallecido. Existen elementos como para no prorrogar el ingreso en prisión", concluiu, se ben é "consciente" de que o escaso tempo que falta para a celebración do xuizo influirá na decisión do tribunal.

Este letrado sostén a inocencia do seu cliente e recorda que se lle implicou no crime do mozo de Moraña de 29 anos Enrique Monteagudo Caldas sobre a base da sétima declaración dun dos imputados, Adrián Ferro, que tras declarar seis veces, na última se contradixo e implicou a Héctor Vázquez e Jesús Piñeiro "en beneficio de dos amigos suyos hasta ese momento imputados".

Tras rematar a vista para revisar a prisión de Héctor Vázquez celebrouse outra para realizar o mesmo trámite con Jesús Piñeiro. Este procesado non asistiu porque, no seu caso, non está no cárcere da Lama, senón no centro psiquiátrico de Conxo, en Santiago. O seu avogado defensor rexeitou achegar datos, pero a fiscal do caso confirmou que pediu que quedase libre mentres que, como no caso do outro imputado, ela e a acusación particular cren que debe seguir internado ata o xuízo.

O xuízo estaba previsto para o mes de outubro, pero tivo que suspenderse polo estado psicolóxico deste procesado. Jesús Piñeiro estaba entón en prisión provisional e un informe psicolóxico concluíu que "non se encontra capacitado para comparecer ao xuízo oral", de modo que por orde da Audiencia se lle someteu a unha serie de probas no Hospital Provincial. Finalmente, os forenses concluíron que si pode asistir ao xuízo, pero modificouse a súa situación e pasou de estar en prisión a un centro de internamento. No seu caso tamén se cumpren en febreiro os dos anos de ingreso en prisión. 

Tanto a Fiscalía coma a acusación particular solicitan para os catro procesados unha condena a 20 anos de prisón como autores dun delito de asasinato ao considerar que os catro, veciños de Cuntis e A Estrada de entre 23 anos e 55 anos, remataron coa vida de Enrique Monteagudo Caldas "de forma sorpresiva e sen que tivese oportunidade ningunha de defenderse. Golpeáronlle cun obxecto contundente e cortáronlle cun obxecto cortante e afiado no pescozo, supostamente todo por unha débeda vinculada co estraperlo de drogas.