Chega unha nova entrega da serie "A cociña gourmet en conserva", da man de Conservas Pescamar. Nesta ocasión, imos preparar un Revolto de queixo e atún, indicado para entrante ou como prato principal, se desexamos un menú lixeiro.
O atún é un peixe con múltiples propiedades. Destaca a súa achega en proteínas, superior ao dalgunhas carnes. O seu alto contido en Omega-3 beneficia a saúde do corazón e regula os niveis de colesterol e triglicéridos. A estas importantes calidades, hai que engadir os beneficios da súa presentación en aceite de oliva, que ademais contribúe a potenciar o seu sabor.
Esta receita ofrécenola o FROM, o organismo do Ministerio de Agricultura e Pesca encargado de regular o mercado dos produtos do mar. A través da súa páxina web, tamén nos lembra que "todas as elaboracións de peixe enlatado son moi aconsellables desde o punto de vista nutritivo".
Para preparar un delicioso Revolto de queixo e atún Pescamar, necesitamos os seguintes ingredientes:
- 2 latas medianas de atún claro en aceite de oliva Pescamar
- 125 g de patacas frixidas tipo "crips"
- 1 paquete pequeno de chícharos
- 50 g de champiñóns
- 1 cebola mediana
- 175 g de queixo relado
- 3 ovos
- cuarto litro escaso de leite
- sal e pementa
Preparación:
Desmiuzamos o contido escorrido das dúas latas de atún claro en aceite de oliva Pescamar nunha fonte. Esmagamos as patacas "crips" e mesturámolas co peixe. Engadimos os chícharos, os champiñóns limpos e cortados en toros, a cebola picada moi miúda, 125 gramos do queixo relado, o sal e a pementa.
Mesturamos ben todos estes ingredientes.
Untamos unha fonte de forno con manteiga e poñemos nela o revolto que preparamos.
Batemos lixeiramente os ovos e agregamos o leite. Vertemos todo este líquido sobre o revolto. Por enriba, empoamos o queixo restante.
Cocemos en forno moderado, aproximadamente a 165° C, entre 30 ou 40 minutos.
Servimos quente e adornamos con triángulos de pan fritido.
En quince días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.