Rexeitamento oficial de Pontevedra á nova tarifa de Sogama, que suporía pagar un millón máis en 2025

Pontevedra
26 de xullo 2024

O Concello aprobou esta semana en Xunta de Goberno unha declaración de rexeitamento á suba e denuncia que se trata dunha decisión tomada por unanimidade.  A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, sinala que esta medida é un "sablazo" que fará que "a veciñanza pague o fracaso do seu sistema e da mala xestión da Xunta de Galiza"

Lixo tratado no Complexo Medioambiental de Sogama
Lixo tratado no Complexo Medioambiental de Sogama / Sogama

A nova tarifa da empresa Sogama para o tratamento de residuos suporía, para Pontevedra, o pago de aproximadamente un millón de euros máis no ano 2025, ao eliminar a bonificación do 10% existente e subir 20 euros por tonelada. Á vista da situación, o Concello decidiu rexeitala.

Así, aprobou esta semana en Xunta de Goberno unha declaración de rexeitamento á suba e denuncia que se trata dunha decisión tomada por unanimidade. 

A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, sinala que esta medida é un "sablazo" que fará que "a veciñanza pague o fracaso do seu sistema e da mala xestión da Xunta de Galiza".

Ademais, insiste en que o modelo de Sogama é "obsoleto, centralizado e antiecolóxico", como demostra o feito de que "Galiza se sitúe á cola en reciclaxe, lonxe aínda de cumprir cos criterios que marca Europa". A porcentaxe de reciclaxe en Sogama en 2020 foi do 21 %, cando a UE marcaba case o 50 %.

No ano 2023 o canon era de 66,00 euros por tonelada (+IVE), pero estaba suxeito a unha bonificación da recollida separada de bioresiduos, quedando en 56,10 euros por tonelada. En Pontevedra, tratáronse 27.457,26 toneladas e supuxo un gasto de 1.694.387,51 euros.

Coa nova taxa, estímase que neste 2024 subiría 660.000 euros, ata os 2.357.346,06 euros, e que en 2025 chegaría aos 2.659.372,92 euros, preto dun millón de euros por riba do pagado en 2023.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora