Rexeitan a proposta do PP de mellorar a "Ruta do Presidente", por onde pasea Rajoy no Salnés

Pontevedra
01 de abril 2017

Os deputados provinciais do Partido Socialista e do BNG votaron en contra da moción presentada polo Partido Popular na que reclamaba o mantemento das rutas de sendeirismo accesible do Salnés. Os populares indicaron que é a "Ruta do Presidente" e que, grazas a Rajoy, está collendo moita fama

Suárez Costa, Mariano Rajoy, Gomez Noya e Lete Lasa, chegando ao mosteiro de Armenteira de Ribadumia
Suárez Costa, Mariano Rajoy, Gomez Noya e Lete Lasa, chegando ao mosteiro de Armenteira de Ribadumia / Xunta de Galicia

O deputado do Partido Popular Luís Aragunde defendía este venres no pleno da Deputación unha moción na que solicitaba o goberno provincial a mellora dos sendeiros do Salnés alegando que eran coñecidos como "Ruta do Presidente" ao tratarse dos camiños que utiliza Mariano Rajoy para pasear e realizar deporte cada vez que se atopa pola contorna de Ribadumia

Aragunde manifestou que estes camiños estaban "collendo moita fama" e que numerosas persoas achegábanse ata a zona para facer a "Ruta do Presidente". A expresión provocou a reacción dos deputados do PSOE e do BNG. 

César Mosquera, portavoz do Bloque, foi o primeiro en dar a réplica ao deputado popular indicándolle que estivera "un tanto desafortunado" co termo "Ruta do Presidente" e ironizou sobre "ese pontevedrés de pro que nunca tivo a ben visitar o Concello de Pontevedra" desde que foi elixido presidente do Goberno. O deputado nacionalista tamén alegou que ningún alcalde do Salnés pedira ese arranxo do sendeiro porque "son bastante máis sensatos". Mosquera ademais lamentou o localismo da moción: "Non pensen só no seu chiringo".

"Parece que había que porlle unha alfombra vermella e banda de música"

Tamén o Partido Socialista, a través de David Regades, lamentou a exposición de Luís Aragunde reclamando a mellora do carreiro que utiliza Rajoy. "Parece que había que porlle unha alfombra vermella e banda de música", afirmou para, a continuación, preguntar ao grupo popular polos investimentos que realizara o goberno de Mariano Rajoy na provincia indicando que "para ser pontevedrés haberá que demostralo". O deputado socialista indicou que, en todo caso, a moción tería que referirse a todos os sendeiros e non só aos do Salnés. 

Aragunde replicaba alegando que era deputado polo Salnés e instaba a enviar as brigadas provinciais do Parque de Maquinaria que, segundo expuxo, atópanse paralizadas para arranxar estes tramos. 

O enfrontamento dialéctico rematou derivando nunha discusión sobre o apoio do goberno provincial á Ruta do Viño, que provocou a intervención da presidenta provincial Carmela Silva, que apuntou que desde a Deputación Provincial están a centrarse en Cambados como Cidade Europea do Viño en lugar de pagar "facturas para comilonas" e denunciou que co goberno de Louzán as brigadas do Parque de Maquinaria utilizábanse irregularmente para traballar nas Pousadas do Salnés.

A moción popular de mellorar a "Ruta do Presidente" foi rexeitada polo PSOE e o BNG, mentres que o grupo mixto abstívose na votación.