Rexeneran as zonas da Illa das Esculturas nas que se celebrou o Nacional de ciclocrós

Pontevedra
27 de xaneiro 2020

Dado que a celebración das probas de ciclocrós tamén afectou ao estado dalgúns dos camiños que conectan a Illa das Esculturas, os traballos prevén ademais a súa restauración mediante a creación dun pavimento terrizo

Traballos de rexeneración da Illa das Esculturas
Traballos de rexeneración da Illa das Esculturas / Concello de Pontevedra

Operarios da firma Ferrovial Servicios está a acometer traballos para rexenerar os espazos verdes da Illa das Esculturas nos que se desenvolveu o Campionato de España de Ciclocrós, celebrado hai dúas semanas.

As obras de acondicionamento contemplan o perfilado e fresado do terreo das zonas verdes, a creación de pradería de especies gramíneas cespitosas, a distribución de fertilizante e o pase de rotovator, antes do perfilado definitivo, o pase de rodete, o sementado, a cubrición e o primeiro rego.

Dado que a celebración das probas de ciclocrós tamén afectou ao estado dalgúns dos camiños que conectan a Illa das Esculturas, os traballos prevén ademais a súa restauración mediante a creación dun pavimento terrizo.

Esta actuación, que estará rematada en dúas semanas, ten un custe de 24.000 euros e trátase dunha intervención conxunta das concellerías de Desenvolvemento Sostible e Deportes.