Rexistran o domicilio do avogado de Sito Miñanco nunha operación contra o branqueo de diñeiro do narcotráfico

Pontevedra
21 de outubro 2019

Fontes da investigación relacionan o rexistro deste luns coa Operación Mito, iniciada en febreiro de 2018 coa detención de Sito Miñanco e de 42 presuntos integrantes dunha organización de narcotraficantes

Gonzalo Boye, avogado de Sito Miñanco
Gonzalo Boye, avogado de Sito Miñanco / Mónica Patxot

Axentes da Policía Nacional rexistraron á primeira hora deste luns o domicilio de Gonzalo Boye, avogado Sito Miñanco no marco dunha operación contra o branqueo de capitais relacionado co tráfico de drogas.

A xuíz da Audiencia Nacional María Tardón dirixe esta causa que foi declarada segreda.

Ademais de ser o avogado de José Ramón Prado Bugallo, Sito Miñanco, o letrado Gonzalo Boye tamén é coñecido por ser o representante legal do ex presidente da Generalitat Carles Puigdemont.

Fontes da investigación relacionan o rexistro deste luns coa Operación Mito, iniciada en febreiro de 2018 coa detención de Sito Miñanco e de 42 presuntos integrantes dunha organización de narcotraficantes. 

No seu día, Boye foi condenado pola Audiencia Nacional a 14 anos de prisión por colaborar con ETA nos preparativos do secuestro do empresario Emiliano Revilla. 

O paso deste polémico avogado pola Audiencia provincial de Pontevedra tamén deixou unha curiosa anécdota ao impoñerlle o tribunal da sección segunda unha sanción de 2.000 euros por fumar un cigarro electrónico nunha das xornadas do xuízo contra Sito Miñanco.