Rexístrase un caso máis de Covid-19 nas últimas horas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés

Pontevedra
07 de xullo 2020

Actualmente son tres casos activos, que están sendo tratados nos seus domicilios, dentro da área sanitaria onde non hai ingresos hospitalarios pola enfermidade. En Galicia, a cifra sitúase en 256 positivos, 249 teñen seguimento nas súas vivendas. 

Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) en Montecelo
Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) en Montecelo

Nas últimas horas aumentaba de dúas a tres o número de casos activos pola Covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Segundo os datos ofrecidos pola xerencia, este martes continúan sen rexistrarse pacientes Covid hospitalizados en planta nin no servizo de coidados críticos en ningún dos centros hospitalarios, tanto públicos como privados, de Pontevedra: Complexo Hospitalario Universitario (CHUP), Hospital do Salnés e QuirónSalud Pontevedra.

Os tres casos positivos atópanse nos seus domicilios desde onde as autoridades sanitarias realizan un seguimento da súa evolución. Desde o inicio do plan de continxencia do  Covid-19 curáronse 901 pacientes e faleceron 16 pacientes na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

En Galicia, os casos activos sitúanse en 256, 60 deles na área sanitaria de Vigo. Do total, 249 contan con seguimento domiciliario. Os falecementos en Galicia ascenden a 619 persoas, 132 eran persoas que se atopaban en residencias mentres que 142 falecían en hospitais e residencias integradas.

O número de pacientes curados en Galicia desde o inicio do plan de continxencia sitúase en 10.817, segundo os datos ofrecidos polo  Servizo  Galego de  Saúde (SERGAS).