Elixir un viño pode ser un pequeno reto para o consumidor, pero os concursos enolóxicos axudan a despexar dúbidas. Os premios funcionan como un selo de confianza e, para as adegas, como un estímulo que impulsa a seguir afinando cada colleita.
Nese terreo, a Denominación de Orixe Rías Baixas volveu a destacar con forza en 2025, un ano que quedará marcado por un aluvión de recoñecementos.
En total foron 274 premios recollidos en certames nacionais e internacionais ao longo de doce meses. Un balance que resume o traballo das adegas da denominación en once concursos incluídos no calendario oficial da Organización Internacional da Viña e o Viño (OIV). Entre as distincións destacan 12 galardóns de máximo nivel -Gran Ouro, Platino ou Selección dos Xuíces-, ademais de 83 ouros, 109 pratas, 63 bronces e sete recomendacións.
Boa parte deste éxito ten a súa orixe na colleira 2024, que acapara máis dun centenar dos viños premiados. Esta colleita foi cualificada como "Excelente" polo Consello Regulador e xa forma parte do reducido grupo das sete mellores colleitas na historia de Rías Baixas.
É u n respaldo que reforza o prestixio dos seus brancos, cada vez máis presentes nas grandes ligas do viño.
En casa, os viños de Rías Baixas demostraron que tamén saben brillar.
Os concursos organizados pola Unión Española de Catadores volveron recoñecer a súa calidade: os Bacchus 2025 outorgaron 22 premios á denominación, incluídos tres Gran Bacchus de Ouro, mentres que os Baco 2025 sumaron outros 32 galardóns.
A eles engadíronse os 34 premios do concurso VinEspaña, organizado pola Federación Española de Enoloxía, cunha destacada colleita de Grandes Ouros e Ouros.
Fóra das nosas fronteiras, o percorrido foi igual de exitoso. Os Decanter World Wine Awards concederon 88 medallas a viños de Rías Baixas, ás que se sumaron 38 distincións do International Wine Challenge.
Outros certames de referencia, como Mundus Vini, o IWSC, o Challenge International du Vin, o TEXSOM Wine Awards ou Citadelles du Vin, tamén incluíron á denominación galega no seu palmarés, confirmando a súa posición entre os grandes brancos do mundo.
Aínda que a colleita 2024 foi protagonista, os premios repártense entre distintas colleitas, desde 2023 até 2018, o que demostra unha calidade constante no tempo.
Ademais, os Espumosos de Calidade Rías Baixas continúan gañando terreo xa que 15 premios avalan a súa consolidación e o interese crecente que espertan no mercado.
Este recoñecemento internacional vese reforzado polo interese de influintes prescriptores do viño.
Ao longo de 2025, a denominación recibiu a visita de expertos de primeiro nivel como os Máster of Wine Pedro Ballesteros e Tim Atkin, este último autor dun informe recente que analiza máis de 260 marcas de Rías Baixas.
Tamén se achegaron profesionais e formadores procedentes de Estados Unidos, Canadá, Reino Unido ou México, atraídos pola personalidade desta rexión atlántica.