Rías Baixas adiantará a súa vendima e estima que a colleita será menor que a de 2018

Pontevedra
29 de xullo 2019

A Denominación de Orixe Rías Baixas estima recoller uns 36,6 millóns de quilos de uva na súa colleita de 2019, un 5,2% menos que en 2018, segundo reflicte o informe de estimación da vendima que analizou este luns o pleno do seu consello regulador

Vendima na Denominación de orixe Rías Baixas
Vendima na Denominación de orixe Rías Baixas / Mónica Patxot

A Denominación de Orixe Rías Baixas estima recoller uns 36,6 millóns de quilos de uva na súa colleita de 2019, un 5,2% menos que en 2018, segundo reflicte o informe de estimación da vendima que analizou este luns o pleno do seu consello regulador.

Con ese volume, segundo os técnicos do organismo, poderíanse producir máis de 24,5 millóns de litros de viño.

Rías Baixas prevé iniciar a vendima nos primeiros días de setembro, tras comprobar que a colleita actual presenta un adianto duns "dez ou doce días" debido a un inverno que foi "cálido e seco", unha primavera "cálida" e un mes de xuño "frío e moi húmido", que alteraron o crecemento dos viñedos.

Os técnicos da denominación, que analizaron case a metade das súas máis de 4.000 hectáreas de superficie produtiva para o seu informe, explican que este momento o viñedo atópase nunha situación "heteroxénea" motivada polas condicións meteorolóxicas adversas no momento da floración e purga.

A redución prevista na colleita deste ano débese, principalmente, ás condicións meteorolóxicas que incidiron nas condicións fenolóxicas de floración.

Ademais, factores como o vento e a saraiba ocasionaron diminucións directas nos acios e rotura de pámpanos, sendo as zonas máis afectadas o Condado do Tea e O Rosal. 

O informe do órgano de control e certificación resalta que as diminucións de produción son máis xeneralizadas en viñedos vellos que mozos, que non son reseñables os danos por pragas e enfermidades como a botritis, mildiu e oidio e que os acios son máis pequenos que outros anos polo tempo adverso dos últimos meses.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora