Rías Baixas apura a súa vendima con 29 millóns de quilos de uva xa recollidos

O Salnés
27 de setembro 2018

A Denominación de Orixe Rías Baixas afronta a recta final da presente campaña de vendima. Ata a data, segundo datos do propio organismo, recolléronse 29 millóns de quilos de uva nas 183 adegas inscritas. O director técnico do consello regulador, Agustín Lago, explica que a uva "presenta un bo estado fitosanitario, cun adecuado equilibrio entre acidez e grao"

Vendima nunha adega da Rías Baixas
Vendima nunha adega da Rías Baixas / Denominación de Orixe Rías Baixas

A Denominación de Orixe Rías Baixas afronta a recta final da presente campaña de vendima. Ata a data, segundo datos do propio organismo, recolléronse 29 millóns de quilos de uva nas 183 adegas inscritas.

O director técnico do consello regulador, Agustín Lago, explica que a uva "presenta un bo estado fitosanitario, cun adecuado equilibrio entre acidez e grao".

A vendima está a realizarse de forma gradual e ordenada e, en principio, están a cumprirse as previsións do informe de estimación de colleita 2018, "sempre á espera das condicións meteorolóxicas dos próximos días", engade o técnico de Rías Baixas. 

Neste sentido, Lago indica que a maior incerteza atópase no volume final, xa que esta época foi moi seca. "A choiva viría moi ben para gañar volume e mesmo para favorecer a maduración final da uva", concreta o director técnico. 

A campaña comezou o 8 de setembro, algo antes do previsto, dadas as altas temperaturas rexistradas a principios deste mes.

A recollida iniciouse, como vén sendo habitual, nas subzonas do Rosal e Condado do Tea. A maiores, se vendimiaron uvas temperás para a elaboración de espumosos en Ribeira do Ulla. Esta semana xeneralizouse en todo o territorio da denominación de orixe. 

As primeiras variedades en ser recollidas foron as brancas e, cara a finais desta campaña, darase paso ás tintas.

O Consello Regulador conta para esta campaña co apoio de 25 auditores, que se responsabilizan do seguimento da vendima nas adegas, os viñedos e os transportes. 

Na actual vendima están implicadas 183 adegas, 5.293 viticultores, así como 4.045 hectáreas repartidas entre 21.607 parcelas.