Rías Baixas incrementou as súas exportacións en máis dun millón de litros durante a última campaña

Pontevedra
18 de novembro 2021

As vendas internacionais dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas creceron un 12,22% en volume e un 14,33% en valor durante a campaña 2020/2021, que comprende desde o día 31 de agosto de 2020 ao 1 de setembro de 2021

Juan Gil de Araújo e Ramón Huidobro DO Rías Baixas

As vendas internacionais dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas creceron un 12,22% en volume e un 14,33% en valor durante a campaña 2020/2021, que comprende desde o día 31 de agosto de 2020 ao 1 de setembro de 2021. 

O presidente do Consello Regulador de Rías Baixas, Juan Gil de Araujo, e o secretario do Consello Regulador, Ramón Huidobro, compareceron este xoves en rolda de prensa para informar desta "cifras históricas" rexistradas na exportación a mercados internacionais que ascenderon a 9.263.352 litros e 52.245.671 euros. Isto supón un incremento dun millón de litros e 6,5 millóns de euros con respecto á campaña anterior.

O prezo medio do litro vendido sitúase por encima da media nacional, alcanzando os 5,64 euros, cunha subida de 0,10 euros respecto a a pasada campaña e superando as cifras anteriores á pandemia. Dentro das 179 adegas que integran esta denominación, a maioría, 107 apostan pola exportación. 

Os responsables do Consello Regulador destacaron a "fortaleza" das vendas no exterior deste sector de Rías Baixas a pesar da crise sanitaria, da incerteza económica, os aranceis impostos pola administración de Estados Unidos aos viños, ou as ameazas do Brexit, como demostra a exportación de 12.351.136 botellas de viño de Rías Baixas, repartidas en máis de 70 países. 

Os mercados onde máis se incrementaron as vendas de Rías Baixas son os de Holanda (+50%), Irlanda (con case o 28%), Porto Rico e México (+23,82% e +22,67%, respectivamente). Esta tendencia á alza tamén se mostra noutros mercados como Estados Unidos (+13,36%), Reino Unido (+13,66%), cada vez con cifras máis parellas en volume, así como Suecia (+13,20%).

Tamén destacan, pola súa tendencia á alza e boas cifras, República Dominicana, con 156.524 litros, e Xapón, con 120.833 litros.

A Unión Europea mantense como principal comprador en volume dos viños de Rías Baixas con 4.226.121 litros e un crecemento do 8,83%; mentres que, en valor, América posiciónase como o número uno: 25.013.900 euros, cun aumento do 20,59%.