Vendima histórica na DO Rías Baixas con 44 millóns de quilos de uva recollidos

Pontevedra
15 de decembro 2021

O informe técnico da DO Rías Baixas sinala que esta foi unha vendima "tranquila" a pesar do inicio "un tanto revolto" meteoroloxicamente falando, o que permitiu unha campaña cunha "correcta" calidade e estado de madurez da uva

Traballos de vendima
Traballos de vendima / DO Rías Baixas

A denominación de orixe Rías Baixas bateu o seu récord histórico nunha vendima ao recoller case 44 millóns de quilos de uva, un 27% máis que a campaña anterior, segundo anunciou o seu consello regulador.

Nesta vendima, que se prolongou durante corenta días, participaron 163 adegas e 5.046 viticultores, que cultivaron 43.809.134 quilos de uva nas 4.184 hectáreas habilitadas.

O informe técnico da DO Rías Baixas sinala que esta foi unha vendima "tranquila" a pesar do inicio "un tanto revolto" meteoroloxicamente falando, o que permitiu unha campaña cunha "correcta" calidade e estado de madurez da uva.

O rendemento medio nesta campaña foi de 10.470 quilos por hectárea, un valor superior á media do últimos dez anos que foi de 8.095 quilos por hectárea.

As expectativas para os viños da anada 2021, segundo este informe, son "boas".

As variedades destinadas á elaboración dos viños brancos representaron o 99,15% da uva recollida, principalmente o albariño con máis de 42,5 millóns de quilos, seguida pola uva caíño branco, treixadura e loureira.

As tintas, pola súa banda, supuxeron o 0,82% do total, coa variedade sousón como a principal, tras as que se situaron a uva mencía e o caíño tinto.

En canto á produción por subzonas, O Salnés volveu a ser a de maior produción cunha representación do 67,8%, seguida polo Condado do Tea cun 20,1% e O Rosal co 9,2%.