Rías Baixas pecha a terceira vendima máis abundante da súa historia

O Salnés
03 de novembro 2022

A vendima de Rías Baixas deste ano é a terceira máis abundante da historia da denominación de orixe. Destaca a gran calidade da uva e o seu excelente estado sanitario. Ante estes resultados desde Rías Baixas avanzan que as expectativas "son moi boas" para os viños que saian desta anada 2022

Vendima
Vendima / Consello regulador D.O. Rías Baixas

A denominación de orixe Rías Baixas recolleu un total de 40,9 millóns de quilos de uva na recente vendima, un dato que a pesar de ser un 6,62% menos que o ano anterior, supón a terceira campaña máis abundante da súa historia.

Nesta vendima, que se prolongou durante 51 días, participaron 167 adegas e 4.690 viticultores, segundo informou o consello regulador da denominación pontevedresa.

Durante o primeiros quince días, do 7 ao 21 de setembro, recolleuse o 80% da colleita, explica o informe técnico, que fala dunha vendima "tranquila" cunha uva de "elevada calidade, perfecto estado de madurez e boa gradación alcohólica".

As variedades brancas, especialmente a de albariño, representaron o 99,1% da uva recollida nesta campaña, mentres que entre o 0,9% restante, todas elas cepas tintas, destacaron as variedades sousón, mencía e caíño tinto.

O informe da DO Rías Baixas reflicte ademais que O Salnés segue sendo a subzona cunha maior produción, co 63,5% do total; seguida do Condado do Tea, cun 21,3%; e O Rosal, que queda co 10,3%.

O rendemento medio nesta campaña foi de 9.466 quilos de uva por hectárea, un valor que supera amplamente á media do últimos dez anos, que foi de 8.600 quilos.

Ante estes resultados desde Rías Baixas avanzan que as expectativas "son moi boas" para os viños que saian desta anada 2022