Ribadumia e o Banco Médico Farmacéutico cofinanciarán o pago de medicamentos

O Salnés
07 de outubro 2020

Cada vez detéctanse máis casos de persoas que deixan de seguir os seus tratamentos por non poder facer fronte ao pago da parte non custeada pola administración

O Concello de Ribadumia e o Banco Médico Farmacéutico cofinanciarán o pago de medicamentos
O Concello de Ribadumia e o Banco Médico Farmacéutico cofinanciarán o pago de medicamentos / Fundación Banco Médico Farmacéutico de Galicia

Un dos obxectivos de Fundación Banco Médico Farmacéutico de Galicia é que ningunha persoa teña que renunciar á súa saúde por non dispoñer dos recursos económicos necesarios para pagar os medicamentos e tratamentos que necesita.

Por este motivo, a entidade ponse ao dispor dos veciños de Ribadumia en situación de emerxencia para custear o pago dos fármacos e tratamentos que teñen prescritos, coa colaboración do concello.

Ademais, a entidade leva a cabo un programa que permite custear o pago de lentes graduadas, audífonos e sistemas de monitoraxe de glicosa.

Este mércores o alcalde de Ribadumia, David Castro, a concelleira de Servizos Sociais, Sofía Núñez e a presidenta de Fundación Banco Médico Farmacéutico de Galicia Paula Chapela, reuníronse nun acto celebrado no salón de plenos do concello co obxectivo de dar a coñecer esta iniciativa.