O Concello de Ribadumia puxo en marcha un novo sistema de recollida de lixo para o que contou con achega da Deputación Provincial.
A través do plan PON2030 a entidade provincial achegou 200.000 euros a un investimento que roza os 500.000 euros.
Por este motivo, o presidente provincial Luís López desprazouse até o municipio do Salnés para ver in situ o equipamento adquirido e coñecer de primeira man as accións de mellora na xestión que se previron.
No que respecta ao material incorporado, distribuiranse polo municipio 122 colectores amarelos destinados a plástico, outros tantos azuis para papel e cartón e 50 colectores marróns para a fracción orgánica.
Tamén se adquiriron dous vehículos recolectores e unha unidade móbil lavacontenedores.
Complementariamente, na parte correspondente á mellora da xestión, comezarase un proxecto piloto coa repartición en vivendas de Barrantes e Sisán de colectores individuais para fomentar a separación de residuos en orixe.
"Quero felicitar ao alcalde e o seu equipo por esta aposta, pola visión de futuro, por recoller as necesidades dos veciños e polo compromiso co medio ambiente. Tedes na Deputación un aliado", trasladou Luís López ao alcalde David Castro.
O presidente da entidade provincial tamén apuntou que non é o habitual que os concellos destinen a este tipo investimentos as achegas coas que colabora a Deputación.