A Casa Consistorial de Pontevedra acolleu na mañá do luns a visita do alumnado Erasmus+ procedente de Romanía e Italia, pertencente ao IES Luís Seoane.
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde da cidade, deu a benvida aos estudantes dentro do marco do programa de intercambio da Unión Europea, que fomenta a educación, a formación, a mocidade e o deporte.
O acto comezaba coa proxección dun vídeo informativo sobre a cidade, destacando o modelo de peonalización e os galardóns obtidos por esta iniciativa.
Posteriormente, a actividade trasladouse a outra sala da entidade, onde alumnado e docentes participaron nunha rolda de preguntas dirixidas ao alcalde sobre a cidade..
As inquedanzas expostas viraron arredor do turismo sostible, os aparcadoiros, a economía e o modelo urbano de Pontevedra, así como a oferta de clubs deportivos.
Durante a súa intervención, Lores explicou medidas implementadas dende o Goberno local, entre elas a redución do tráfico no centro da cidade ata un 70% e o establecemento dun límite de velocidade de 30 km/h.
Estas decisións contribuíron a unha diminución de accidentes e da contaminación, ademais de mellorar a calidade de vida da poboación e fomentar unha cidadanía máis activa, segundo manifestou o alcalde.
Como recoñecemento a estas políticas, Pontevedra recibiu diversos premios, entre eles o Premio de Accesibilidade Universal do Estado Español, un galardón da ONU entre 4.500 proxectos internacionais e o Premio de Excelencia de Deseño Urbano Saudable do Concello de Nova York, outorgado pola Fundación Bloomberg. Datos que os estudantes recolleron durante esta experiencia no Concello de Pontevedra.