Rosarios, agullas, pirixel e billetes a Londres, 'agasallos' a Gallardón e Feijóo pola reforma do aborto

Pontevedra
08 de febreiro 2014

Alberto Ruiz Gallardón e Alberto Núñez Feijóo son os dous destinatarios dos paquetes que este sábado enviaron integrantes da Asemblea Comarcal de Mulleres de Galiza Nova desde a oficina de Correos de Pontevedra. Un envío que recolle, segundo este colectivo, a esixencia das novas galegas ao ministro de Xustiza e ao presidente da Xunta de Galicia "para que desistan dos seus ataques contra as mulleres"

Acto de Galiza Nova en defensa do dereito ao aborto, diante da Oficina de Correos
Acto de Galiza Nova en defensa do dereito ao aborto, diante da Oficina de Correos / PontevedraViva

Alberto Ruiz Gallardón e Alberto Núñez Feijóo son os dous destinatarios dos paquetes que este sábado enviaron integrantes da Asemblea Comarcal de Mulleres de Galiza Nova desde a oficina de Correos de Pontevedra. Un envío que recolle, segundo este colectivo, a esixencia das novas galegas ao ministro de Xustiza e ao presidente da Xunta de Galicia "para que desistan dos seus ataques contra as mulleres".

Refírense concretamente á polémica reforma da lei do aborto, impulsada polo Goberno. Por iso, nos paquetes para ambos dirixentes Galiza Nova incluíu agullas de calceta, perchas, pirixel ou ruda, utensilios e plantas aromáticas que as mulleres utilizaban no pasado para abortar "poñendo en risco a súa vida e moitas morrendo en tempos nos que o aborto era ilegal", segundo recordou a portavoz deste colectivo en Pontevedra, María Pousada.

Xunto coas súas denuncias, aportan tamén uns rosarios "polo papel protagonista da Igrexa no ataque contra as mulleres" e un billete de avión a Londres simbolizando o desprazamento a outros países que moitas mulleres deberán realizar para poder para abortar, xa que María Pousada recorda que "ao non permitirse facelo non estado español, teremos que ir a Londres ou cruzar a fronteira cara Portugal para facelo legalmente".

Neste sentido, a responsable comarcal das mulleres de Galiza Nova asegura que esta reforma da lei do aborto é "un retroceso cara a ditadura" e supón que "estaremos totalmente inferiorizadas cara o home" e negándolles o dereito a decidir "o que queremos facer co noso corpo". Ante esta situación de "recorte de dereitos sen precedentes", sinalou, hai alternativa "a mobilización e a reivindicación para que esta reforma non vexa nunca a luz".

Apoiando esta reivindicación de Galiza Nova atopábanse tamén as concelleiras Pilar Comesaña e Carmen Fouces. A responsable de Benestar Social no Concello de Pontevedra destacou a importancia de que sexan os mozos os que se unan neste tipo de mobilizacións "porque viven nunha sociedade organizada en torno a certas liberdades que se están perdendo, cuestións que foron conquistadas e nolas están quitando".