Rotunda resposta de Carmela Silva ante a obriga de abordar nun pleno a petición do PP para que dimita

Pontevedra
20 de maio 2022

A presidenta da Deputación responde ás declaracións do grupo provincial do Partido Popular que valoraban como unha "vitoria política e xudicial" a sentenza do Xulgado contencioso administrativo número 2 de Pontevedra que dá a razón aos populares e ordena ao organismo provincial convocar un pleno extraordinario para tratar a solicitude do PP para que a presidenta dimita

Comparecencia da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva
Comparecencia da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva

"Unhas señoras e uns señores sobreactuando nunha imaxe patética que foi o que vivimos onte co Partido Popular, a min non me van quitar a sonrisa. Así que abandonen toda a posibilidade de que a presidenta da Deputación vaia a facer caso de un modo tan indecente de facer política, o Partido Popular fai política indecente".

Deste xeito a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, respondía ás declaracións do grupo provincial do Partido Popular que valoraban como unha "vitoria política e xudicial" a sentenza do Xulgado contencioso administrativo número 2 de Pontevedra que dá a razón aos populares e ordena á Deputación convocar o pleno extraordinario polo caso do enchufe da cuñada da presidenta da Administración provincial Carmela Silva nos termos que solicitaron desde o PP.

O Partido Popular asegura que Carmela Silva "non pode estar un día máis ao fronte da Deputación de Pontevedra" e que "ten que dimitir". Fronte a estas declaracións, Carmela Silva mostrábase sorprendida e afirmaba que sobre o PP, "ese partido que dixeron os xuzgados que era un partido corrupto, xa está todo dito".

Porén engade a presidenta provincial varios argumentos en forma de pregunta que, considera, desacreditan ao Partido Popular: "Como ten tanta caradura o partido da corrupción? Como ten tanta caradura o partido que acaba de coñecer que o anterior presidente está con sentencia por prevaricación e ao que a Unión Europea abriulle unha información por fraude de uso dos fondos públicos ao goberno do Partido Popular anterior?".

Por último, lembra que o Goberno bipartito decidiu acatar a decisión e xa se convocou o pleno para o venres 27 de maio. Cumprirá deste xeito a decisión xudicial malia, asegura, non compartila, "acéptoa pero non a comparto". Neste sentido, lembra que en ningún momento foi convocada a acudir aos xulgados, e mesmo o fiscal "que analizou esta denuncia do Partido Popular tamén dixo que había que inadmitir o recurso".