Rouban unha roda da bicicleta do concelleiro socialista Iván Puentes, que demanda "aparcabicis seguros"

Pontevedra
10 de xullo 2023

O concelleiro sufría este roubo durante a mañá deste luns 7 de xullo no aparcabici situado na contorna do edificio do Concello. Hai tres anos roubáranlle no mesmo sitio toda a bicicleta, vehículo que emprega habitualmente para trasladarse pola cidade. Reclama ao goberno local unha rede de aparcabicis seguro como os que se empregan en diversos países de Europa

Ivan Puentes, portavoz do grupo municipal socialista
Ivan Puentes, portavoz do grupo municipal socialista / Mónica Patxot

"Esta mañá foi a roda de atrás, no mesmo sitio, ao pé da Casa Consistorial, no que hai tres anos me roubaron directamente a bici".

Con estas palabras, Iván Puentes, portavoz municipal do grupo socialista no Concello de Pontevedra, manifestaba na súa conta de Instagram a súa indignación tras comprobar que algún amigo do alleo levara a roda de atrás da bicicleta que utiliza habitualmente para moverse pola cidade

Como indica o concelleiro socialista, en decembro de 2019 sufriu no mesmo punto de estacionamento, situado na rúa Bastida nun lateral da Casa do Concello, o roubo da súa bicicleta. 

Por este motivo, demanda ao goberno local unha rede de aparcabicis que ofreza seguridade aos usuarios deste modelo de transporte. Reclama sistemas similares aos europeos, que normalmente ofrecen dobres sistemas electrónicos de seguridade para evitar estes furtos. 

Na mensaxe, Iván Puentes indica que "hai que crer, de verdade, na mobilidade sostible e na promoción da bici", reclamando máis atención ao uso do vehículo de dúas rodas no municipio.