Priorizar a mobilidade peonil. Ese será o espírito co que se executará en Bueu a ansiada humanización da travesía da estrada PO-315, coincidente coa rúa Pazos Fontela.
Esta intervención, proposta pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, suporá un investimento de case 2,4 millóns de euros.
A Xunta asumirá o 70% do financiamento e o Concello de Bueu o 30% restante, preto de 700.000 euros. O goberno municipal licitará e executará as obras e, tras o seu remate, asumirá a titularidade do vial.
O proxecto prevé humanizar algo máis dun quilómetro de lonxitude desta vía autonómica, desde o cruzamento da Escola Náutica de Bueu ata a contorna de Fonte da Abilleira.
A intención é transformar este eixo urbano coa renovación integral da plataforma viaria e das beirarrúas, a substitución das redes de abastecemento e saneamento ou a incorporación de solucións de drenaxe sostible para reducir o risco de inundacións.
Esta rúa, pola que pasan actualmente una media diaria de 4.229 vehículos, contará así con beirarrúas mais amplas que permitan incorporar espazos de descanso e estacionamento puntual para activar a economía local.
As obras inclúen a demolición do pavimento para o axuste do novo trazado e dimensión dos viarios e beirarrúas, a execución de gabias para a instalación das novas redes, a redistribución das zonas estacionamento e sinalización e a urbanización superficial.
Esta primeira fase da intervención na PO-315 en Bueu permitirá converter a rúa nun bulevar urbano "máis accesible, seguro e sostible", priorizando a mobilidade peonil e mellorando a calidade do espazo público.
O orzamento total do proxecto ascende a 3,1 millóns de euros.
Para unha segunda etapa quedaría a renovación da iluminación e, para a terceira, o mobiliario urbano e arboredo, intervencións que asumirá e executará o Concello de Bueu.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.