A Rúa San Román énchese de camelias nun paseo artístico que convida a descubrir o comercio local

Pontevedra
16 de outubro 2025

Nesta rúa, 16 establecementos lucirán camelias ilustradas por María Montes, artista e tamén propietaria do local Peixe de Prata

Actividades de 'A pé de rúa' en San Román
Actividades de 'A pé de rúa' en San Román / Diego Torrado

Este sábado ás 12.00 do mediodía, a rúa San Román de Pontevedra transformarase nun auténtico xardín artístico.

A iniciativa, impulsada polos comercios da zona e apoiada polo Concello de Pontevedra a través da área de Promoción Económica, convida veciños e visitantes a gozar dun paseo cheo de cor, arte e vida local.

A concelleira Anabel Gulías, responsable da área, acompañará este paseo que percorrerá a rúa situada entre as prazas da Ferraría e a Verdura.

Alí, 16 establecementos lucirán camelias ilustradas por María Montes, artista e tamén propietaria do local Peixe de Prata, situado na mesma rúa.

Cada comercio exhibirá unha camelia diferente, escollida entre variedades xapónicas, sasanquas ou reticulatas, todas con nomes tan evocadores como Eugenia de Montijo, María Otero del Río, Baronesa de Soutelinho ou Cereixa de Tollo.

Un percorrido para deixar voar a imaxinación e coñecer, paso a paso, as distintas propostas dos locais participantes, desde zapatarías ata librarías, desde restaurantes ata tendas de moda ou farmacias.

A instalación artística pretende, como xa sucedeu coa acción realizada en 2023, dinamizar o comercio local, atraer visitantes e poñer en valor esta rúa con tanto encanto e historia.

A camelia, flor símbolo de Galicia, estará máis presente ca nunca nesta zona da Boa Vila, onde xa adorna espazos naturais como a praza da Ferraría, o paseo Antonio Odriozola ou os xardíns urbanos.