As rúas lembran a Marisol, a vítima do crime de Campo Lameiro: "Estamos fartas de ser asasinadas"

Umia
12 de xuño 2025

Decenas de persoas concentráronse ante a casa consistorial de Moraña, onde residían a vítima e o seu agresor. As mobilizacións sucedéronse por toda Galicia, tamén en Pontevedra

Concentración en Moraña polo crime machista de Campo Lameiro
Concentración en Moraña polo crime machista de Campo Lameiro / Colectivo Feminista As Moiras

O pobo de Moraña botouse á rúa este xoves para mostrar a súa repulsa pola morte de Marisol C.P., a muller que apareceu calcinada en Campo Lameiro xunto á súa parella, José Ramón G.C., no que se investiga como un crime machista.

Decenas de persoas concentráronse ante as portas da casa consistorial de Moraña, onde residían a vítima e o seu agresor, condenado en dúas ocasións por violencia de xénero, unha delas por agredir á súa actual parella, da que tiña orde de afastamento.

"Estamos fartas de ser asasinadas", corearon as asistentes a esta concentración, convocada polo Colectivo Feminista As Moiras, que lamentaron que "non estamos todas porque falta Marisol", vítima dun machismo "que é como o terrorismo".

Os veciños da vítima subliñaron que cada asasinato pola violencia machista é un "grave fracaso do sistema", ante o que reclamaron un maior investimento para combater esta violencia sistémica contra as mulleres.

Afirmaron que "é urxente" dotar de máis recursos á loita contra a violencia de xénero, reforzando as campañas de prevención e formación contra o machismo e apelando a que "dunha vez por todas" as institucións públicas outorguen "absoluta prioridade" a este asunto.

Concentración en Pontevedra por el crimen machista de Campo Lameiro
Concentración en Pontevedra polo crime machista de Campo LameiroMónica Patxot

Neste sentido, subliñaron que "é fundamental entender que saír dunha situación de violencia non é sinxelo", algo que consideran que "non é cuestión de valentía, senón de condicións reais".

As institucións públicas e a sociedade, engadiron, "temos a responsabilidade de escoitar, acompañar, crer e actuar", para o cal defenden que se deben reforzar os mecanismos de protección, facilitar o acceso á independencia económica e garantir unha atención integral, feminista e centrada nas vítimas.

As concentracións por este novo crime machista sucedéronse este xoves por toda Galicia, entre elas nas cidades da Coruña, Vigo e Pontevedra, onde centos de persoas apoiaron as mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres.

En todas elas leuse un manifesto no que as asistentes reivindicaron saír á rúa "polas que non están" e ás que, como Marisol C.P., o sistema debía protexelas "e non o fixo", o que sosteñen é unha "mostra máis" da "ineptitude" dos gobernantes.

Concentración en Pontevedra por el crimen machista de Campo Lameiro
Concentración en Pontevedra polo crime machista de Campo LameiroMónica Patxot

"Temos que botar das institucións aos incapaces e aos covardes", afirmaron as manifestantes, que lamentaron que haxa representantes públicos que "no canto de pór o acento nos agresores cuestionen á vítima até o punto de responsabilizala".

Para a Marcha Mundial das Mulleres esta conduta produce "carraxe e indignación" na sociedade e, especialmente, nas mulleres "que non podemos consentir máis agresións" e que se lles culpabilice dos malos tratos sufridos "mesmo cando as atopan calcinadas".