Rubén González gaña o premio do xurado popular no Certame 'De Tapas por Galicia'

Pontevedra
16 de marzo 2022

O cociñeiro de El Cafetín foi galardoado no evento showcooking organizado por Turismo de Galicia que se celebraba na noite deste martes no Hotel San Francisco de Compostela

Gala De Tapas por Galicia 2022
Gala De Tapas por Galicia 2022

O público asistente á gala 'De Tapas por Galicia 2022', que se celebraba na noite deste martes no Hotel San Francisco de Compostela escolleu a proposta do cociñeiro Rubén González Vallejo, do Cafetín de Pontevedra, como a gañadora do premio do xurado popular desta edición.

O prato que ofrecía o representante pontevedrés era unha homenaxe ao mar denominada Mare Nostrum e presentaba unha tapa que recreaba unha imaxe do océano contido nun acuario. Con mexillón, berberecho e unha combinación de herbas mariñas e algas, González Vallejo contou co apoio do público pola súa creatividade neste prato de pequeno formato.

O gañador do premio do xurado foi para Jorge Gago, da Maceta en Santiago. A súa tapa era a única receita doce presentada neste certame, consistente nun Cheesecake actualizada con puré de framboesa e cereixa, con crema da torta de queixo do Cebreiro con pemento, nata e azucre.

Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, e o delegado da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor asistiron a este evento no que participaban sete cociñeiros en representación das sete principais cidades de Galicia. Este concurso promove a creatividade gastronómica como elemento dinamizador do turismo urbano. A gala showcooking, organizada por Turismo de Galicia, tivo como fío condutor os Camiños de Santiago como punto de encontro de culturas.