Rueda afea a "falta de coherencia" do Goberno ante a sentenza contra Audasa

Pontevedra
25 de febreiro 2020

A este respecto, o vicepresidente da Xunta lamentou que en todo este proceso o Goberno, a través da Avogacía do Estado e do Ministerio de Fomento, "en vez de poñerse no lugar dos usuarios púxose de lado da concesionaria"

Alfonso Rueda
Alfonso Rueda / Mónica Patxot

A sentenza contra Audasa pola cobranza de peaxes "abusivas" na AP-9 durante a ampliación de Rande demostra a "falta de coherencia" do Goberno, segundo defendeu este martes en Pontevedra o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.

A este respecto, Rueda lamentou que en todo este proceso o Goberno, a través da Avogacía do Estado e do Ministerio de Fomento, "en vez de poñerse no lugar dos usuarios púxose de lado da concesionaria".

"Celebro que agora unha sentenza diga que a Fiscalía e os usuarios que protestaron tiñan razón", engadiu o vicepresidente galego, que defendeu que a demanda "estaba ben posta".

A sentenza, segundo Alfonso Rueda, é unha "boa noticia" para os condutores que sufriron "molestias" e que, a pesar de non poder utilizar a autoestrada "en condicións normais", tiveron que pagar as peaxes "como se non houbera problemas".

A partir de agora, avanzou o vicepresidente da Xunta, o goberno galego "estará aí" para colaborar cos afectados na execución da sentenza e axudarlles a reclamar para que poidan recuperar o diñeiro que pagaron nas peaxes.

"Sería sinxelo que esta sentenza se execute se quere a concesionaria", destacou.

Rueda subliñou que, ademais, a Xunta seguirá "cumprindo o seu papel" de reclamar ao Goberno o traspaso da titularidade da autoestrada algo que, ao seu xuízo, permitiría que en situacións similares aos atascos en Rande a AP-9 "as cousas funcionen doutra maneira".

Esta petición, segundo o dirixente galego, "farémola cada vez con máis intensidade" porque entende que "se fai en outras comunidades e non hai razóns para que en Galicia non".

ETHEL VÁZQUEZ

A esta postura sumouse tamén a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, que pediu ao Goberno que "tome nota" desta sentenza porque a xustiza deu unha mensaxe "clara", que os usuarios da AP-9 " teñen dereito" a un servizo de calidade.

Que o executivo central se "posicionara" en favor de Audasa, segundo Vázquez, demostra que traballa "con moito máis entusiasmo" polos intereses da concesionaria que polos dos cidadáns, polo que lles insta a "reflexionar".