Rueda agarda que outras administracións "estean á altura" con Elnosa

Pontevedra
12 de decembro 2017

 "Veremos a partir de agora para garantir a continuidade dos postos de traballo en Pontevedra se outras administracións fan o mesmo", sinalou Rueda

O vicepresidente da Xunta entrega material de emerxencias
O vicepresidente da Xunta entrega material de emerxencias / Xunta de Galicia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu a concesión da autorización ambiental integrada á empresa Elnosa por parte do goberno galego e afirmou que espera que "outras administracións estean á altura" na defensa dos postos de traballo en Pontevedra.

"Veremos a partir de agora para garantir a continuidade dos postos de traballo en Pontevedra se outras administracións fan o mesmo", sinalou Rueda.

O número dous do executivo autonómico comentou durante un acto oficial en Pontevedra que "a postura da Xunta de Galicia estivo sempre clara" destacando que "a día de hoxe" e dentro dos prazos que marca a Unión Europea "Elnosa ten autorización para seguir producindo baixo as novas circunstancias ás que está obrigada e por tanto, sen utilización do mercurio".

Alfonso Rueda insistiu en que a decisión da Xunta adoptouse despois de analizar a documentación achegada pola empresa cloreira e a normativa que hai que aplicar "porque senón en ningún caso teríase dado a autorización" e subliñou este feito "porque se dixeron moitas tonterías por parte dalgún responsable político estes días, sobre que as actuacións estaban predeterminadas".

"Nós dixemos que se á vista da documentación que estabamos a analizar cumpríase, dariamos a autorización. Ao final cumpriuse e así a demos", engadiu.

Finalmente o vicepresidente referiuse á continuidade dos postos de traballo en Pontevedra aclarando que "está nas mans, por suposto da empresa e doutras administracións que eu espero que estean á altura de darse conta que non podemos deixar que os postos de traballo se vaian de Pontevedra a outros sitios se podemos facer o posible para que estean aquí, sempre cumprindo a normativa que é moi esixente en materia ambiental".

Rueda mostrou a súa confianza na continuidade dos postos de traballo da clorera e concluíu apuntando que "sería moi difícil de explicar e de entender que deixemos alegremente que os postos de traballo se vaian a outros sitios, porque a outro sitio van ir sen ningunha dúbida se aquí non poden estar".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en