Rueda cre que Calvo e Conde estarán no seu Goberno e insiste en contar "cos mellores"

O Salnés
03 de maio 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo en funcións, Alfonso Rueda, asegurou que espera que Diego Calvo e Francisco Conde aceptarán formar parte do seu Goberno, que contará "cos mellores" sen cotas territoriais

Alfonso Rueda nun acto do PP en Vilagarcía
Alfonso Rueda nun acto do PP en Vilagarcía / PP de Galicia

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, asegurou que espera que Diego Calvo e Francisco Conde aceptarán formar parte do seu Goberno, que contará "cos mellores" sen cotas territoriais.

Con todo, si que destacou que sería un "erro" empezar por ver de onde é cada persoa e logo coñecer a súa valía no canto de "facelo ao revés" e escoller ás persoas "que realmente valen" con independencia de que lugar de Galicia sexan. "Gobernaremos para toda Galicia e todos somos galegos", reivindicou.

Antes de facer estas declaracións Rueda participou nun acto comarcal co PP do Salnés celebrado en Vilagarcía.

O candidato á Presidencia do PPdeG pediu ao seu partido remar "todos a unha" e camiñar xuntos para seguir ofrecendo aos galegos unha Comunidade "aínda máis potente" en todos os eidos. 

Como sinalou, "o Congreso autonómico é só o inicio dun gran traballo que deben facer unidos para chegar a metas inéditas como a quinta maioría absoluta": "É posible, depende de nós e imos conseguila". Salientou que os populares exercen as súas responsabilidades "sen divisións, con moderación, sen improvisacións e cun proxecto de maiorías". "Cando o PPdeG está en postos de goberno, nótase".

Finalmente reivindicou a política de proximidade e o labor do municipalismo, resaltando que a súa formación sairá a gañar en todos os concellos da provincia de Pontevedra "sen excepción".

Logo de afirmar que os populares teñen que ser o exemplo do presidente Alberto Núñez Feijóo para alcanzar a Moncloa, subliñou que só hai un PP que "non é o de Rueda nin o de ninguén, é o Partido Popular de Galicia".