Rueda e Lores tiran das orellas ao Ministerio polas obras da circunvalación de Pontevedra

Pontevedra
06 de abril 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores deron este martes un tirón de orellas ao Ministerio de Transportes polas obras da autovía A-57, a coñecida como circunvalación de Pontevedra

Alfonso Rueda e Miguel Anxo Fernández Lores
Alfonso Rueda e Miguel Anxo Fernández Lores / Isabel Feijóo

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores deron este martes un tirón de orellas ao Ministerio de Transportes polas obras da autovía A-57, a coñecida como circunvalación de Pontevedra.

Nunhas declaracións efectuadas no transcurso da visita oficial ás obras da Estación de Autobuses desta capital o vicepresidente e o rexedor coincidiron en destacar a colaboración entre ambas as administracións. Fronte a este avance nas obras impulsadas pola Xunta e o  Concello, Alfonso Rueda referiuse a cuestións que "dependen doutras administracións" e sinalou as obras "fundamentais" incluídas nos Orzamentos Xerais do Estado para Pontevedra, concretamente a Autovía A-57 e o Nó de Bombeiros.

"Temos que reclamar que eses compromisos se cumpran", indicou o número dous do Goberno galego.

Rueda lembrou que "estamos a empezar o segundo trimestre do ano" e as obras da  circunvalación "están a un ritmo absolutamente lento e non admisible" nuns traballos que "xa viñan adiados desde hai moitos anos". O vicepresidente da Xunta lembrou que por parte do Goberno central que preside Pedro Sánchez "prometeuse un impulso que non se está producindo".

O vicepresidente engadiu que, desde a Xunta, "ofrecemos toda a colaboración ao  Concello de Pontevedra para facer a forza e a presión que sexa necesaria para que estas dúas obras fundamentais que dependen da Administración xeral do Estado collan o ritmo que ten que coller".

Pola súa banda, o alcalde engadiu "comparto a preocupación do vicepresidente da Xunta pola necesidade de axilizar obras que son fundamentais para Pontevedra".

Fernández Lores reclamou esta dilixencia no cumprimento do compromiso coa Autovía A-57 "non só co tramo que se está executando neste momento senón os outros dous tramos" que, ao seu xuízo, son "importantes" para dispoñer dunha "vía alternativa" desde o municipio de Barro, unindo todos os polígonos industriais e habilitando unha "conexión con Vigo e coa Meseta" é algo, engadiu, "absolutamente fundamental".

O alcalde de Pontevedra lembrou que "somos a única cidade que non ten unha circunvalación libre de peaxe" e por tanto, subliñou que esta autovía é "unha necesidade imperiosa" polo que concluíu que "nós imos seguir loitando, goberne quen goberne tanto no Estado como na Xunta, por defender os intereses de Pontevedra".

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en