Rueda 'ficha' a Nidia Arévalo como vicepresidenta do PP de Pontevedra

Pontevedra
09 de marzo 2016
Actualizado: 22:38

O candidato popular avanza que o seu núcleo de traballo estará formado maioritariamente por persoas que traballasen no ámbito local porque "ninguén sabe máis das necesidades dos veciños que os que lles visitan nas súas casas"

Reunión de Alfonso Rueda con militantes do PP de Pontevedra
Reunión de Alfonso Rueda con militantes do PP de Pontevedra / Mónica Patxot

Aos poucos Alfonso Rueda vai desvelando o nome das persoas que lle acompañarán na súa nova responsabilidade como presidente do PP de Pontevedra, substituíndo a Rafael Louzán.

Tras avanzar que José Manuel Cores Tourís desempeñará un papel importante na súa executiva, o vicepresidente da Xunta contará coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, como vicepresidenta provincial do partido.

Ademais, aproveitando que é unha das deputadas que o PP ten na Deputación, Nidia Arévalo asumirá as funcións de portavoz, tanto no partido como na institución provincial.

A elección da alcaldesa de Mos como vicepresidenta do partido na provincia débese, segundo sinala Rueda, a que combina "mocidade e experiencia" e conta co "aval" das urnas, tras revalidar a súa maioría absoluta nas últimas eleccións municipais.

O candidato popular avanza que o seu núcleo de traballo estará formado maioritariamente por persoas que traballasen no ámbito local porque "ninguén sabe máis das necesidades dos veciños que os que lles visitan nas súas casas".

A partir de agora, avanzou, deben dar un "paso adiante" e traballar desde a dirección do PP de Pontevedra.

Rueda, que este mércores concluíu a súa rolda de contactos con afiliados cunha reunión cos militantes da cidade de Pontevedra, non quixo desvelar máis nomes do seu equipo, aínda que recoñeceu que lle gustaría contar co alcalde de Cotobade, Jorge Cubela.

Nun primeiro momento, dixo, serán membros do partido os que lle acompañarán para poder "arrincar con forza", pero advertiu que posteriormente se irán incorporando persoas alleas á política que serán designadas directamente por el.

RAJOY ESTARÁ NO CONGRESO

Alfonso Rueda quixo agradecer tamén a Mariano Rajoy a súa presenza no congreso de "a súa cidade". Aínda que os populares non pensan nun "acto de desagravio" como tal, o candidato á presidencia sinalou que "estou seguro de que alí lle expresaremos o noso cariño" tanto os preto de mil militantes que estarán acreditados para o congreso como os simpatizantes que se concentren nos arredores do auditorio de Afundación.

Todos eles, dixo Rueda, representarán un sentir "maioritario" dos pontevedreses "e non só do PP", que segundo explicou "non están de acordo coa decisión que se tomou aquí".

"Aos pontevedreses, lle voten ou non lle voten, gústalles ver como Rajoy presume de pontevedrés e leva con orgullo o nome da cidade", reiterou o dirixente popular, que volveu a cualificar esa declaración como persoa non grata como "inxusta e inmerecida".