Rueda garante "cordura e estabilidade" frente á "confrontación" dun multipartito

Pontevedra
13 de xaneiro 2024

Rueda, que presidiu este venres a xunta directiva do PP de Pontevedra, apostou porque Galicia siga conservando a súa "normalidade extraordinaria", en contraste co "clima de cesións e chantaxes" que aprecia na política nacional con "Sánchez e os seus socios"

Alfonso Rueda, na xunta directiva do PP de Pontevedra
Alfonso Rueda, na xunta directiva do PP de Pontevedra / Partido Popular de Pontevedra

Alfonso Rueda, presidente do Partido Popular en Galicia e candidato á reelección á presidencia da Xunta, asegurou que o PP é "garante de cordura e estabilidade" fronte á "confrontación" que vaticina nun posible multipartito alternativo.

Rueda, que presidiu este venres a xunta directiva do PP de Pontevedra, apostou porque Galicia siga conservando a súa "normalidade extraordinaria", en contraste co "clima de cesións e chantaxes" que aprecia na política nacional con "Sánchez e os seus socios".

"Mentres o Goberno socialista está disposto a ceder ante todas as demandas do independentismo, nega a Galicia os medios que precisa actualmente para buscar os sacos de pellets no mar e loitar así contra a contaminación marítima", lamentou.

O líder do PP galego subliñou que estas cesións por parte do Executivo central son apoiadas "tanto polo PSOE como por BNG, Podemos e Sumar", están a producirse "á conta dos galegos".

O próximo 18 de febreiro, defendeu Rueda, os galegos terán que elixir entre ese "barullo que ofrece a esquerda" e o "sentidiño que caracteriza ao PP".

Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, reivindicou que a provincia ten que apoiar "máis que nunca" a Rueda "con esforzo, con compromiso, con entrega e co traballo diario e constante que xa se está facendo".

O partido, segundo López, xa ten a maquinaria "funcionando a todo meter" para que Alfonso Rueda "alcance a súa primeira maioría absoluta" e Galicia continúe sendo unha "terra ben xestionada e unha illa de estabilidade".

Arquivado en