Rueda inaugura a sede do Colexio Oficial de Veterinarios de Pontevedra, acto con homenaxe a Diego Murillo

Pontevedra
05 de xuño 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recoñeceu neste acto o labor dos veterinarios na resposta ás demandas sociais en saúde e benestar animal e nos fitos acadados por Galicia nos últimos anos. O máximo representante autonómico destacou tamén a traxectoria do premiado e a súa contribución en múltiples eidos, entre os que destacou o sanitario, como médico especialista en Xinecoloxía e Obstetricia

Diego Murillo durante a súa intervención no acto no Colexio Oficial de Veterinarios de Pontevedra
Diego Murillo durante a súa intervención no acto no Colexio Oficial de Veterinarios de Pontevedra /

Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, inauguraba este sábado a nova sede do Colexio Oficial de Veterinarios de Pontevedra nun acto no que se entregaba a medalla e insignia desta institución ao doutor Diego Murillo Carrasco.

O acto contou tamén coa presenza doutras autoridades como Ana Pastor, vicepresidenta segunda do Congreso dos Deputados; Maica Larriba, subdelegada do Goberno; e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; ademais do presidente do Colexio, Luis Núñez.

A nova sede atópase na rúa Camiño Vello de Castela. Esta inauguración estaba prevista para decembro de 2018, pero por problemas coa promotora aprazouse ao 19 de marzo de 2020, data na que o acto se suspendía con motivo da declaración do estado de alarma. Por fin, este 4 de xuño de 2022 celebrábase este evento nun espazo que conta cunha superficie de 430 metros cadrados, deseñados polo estudo de arquitectura Santos y Mera S.L. de Pontevedra.

O deseño recrea unha "pequena vila", segundo indican desde o propio Colexio, cun uso maioritario de madeira e oficinas situadas no espazo central con percorridos en forma de corredor que chegan ata a área principal, que é o salón de actos. Esta proposta foi finalista dos premios London International Creative Competition en 2020; ademais de estar seleccionada como unha das mellores propostas de arquitectura en madeira pola revista  AITI; e finalista dos premios COAG 2019-20 na categoría de obras de interiorismo.

Na súa intervención, o presidente da Xunta recoñecía o labor dos profesionais deste sector na resposta ás demandas sociais en saúde e benestar animal. Tamén destacaba os logros obtidos por Galicia durante os últimos anos sendo unha comunidade libre de tuberculose bovina e de brucelose ovina e cabería.

Alfonso Rueda subliñaba tamén o compromiso dos veterinarios cunha alimentación sa e sostible na liña co Pacto Verde Europeo e coa Estratexia da granxa á mesa. O Colexio Oficial de Veterinarios de Pontevedra é unha corporación de dereito público cunha historia que se remonta a xaneiro de 1915. Actualmente conta cun total de 750 veterinarios colexiados.

MEDALLA E INSIGNIA A DIEGO MURILLO

O momento máis emotivo do acto producíase coa entrega da medalla de ouro e insignia do Colexio ao doutor Diego Murillo Carrasco, que se atopaba acompañado por integrantes da súa familia. Tamén recibía a distinción de Membro de Honra.

O presidente do goberno galego destacaba a súa traxectoria e a súa contribución en campos como o sanitario, no que exerceu como médico especialista en Xinecoloxía e Obstetricia. Actualmente é o presidente de honra de AMA, presidente da Fundación, e, tras a dimisión de Luis Campos, volve a presidir a Mutua de profesionais sanitarios.

O Colexio Oficial de Veterinarios quería recoñecer con esta homenaxe a dilatada  trayectroia profesional e o seu constante apoio desde a Mutua AMA Seguros a todos as profesións sanitarias e, en particular, á veterinaria, para que poidan afrontar actividades colexiais formativas, sociais e tamén divulgativas.