Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, lamentaba este venres 8 en Pontevedra a decisión dos concelleiros socialistas en Cotobade que abandonaron o pleno no que se debatían as alegacións á fusión entre este municipio e Cerdedo. Os representantes do PSOE alegaron que a falta de información obrigáballes a abandonar a sesión. Rueda considera falsa esa afirmación e sinala que estes concelleiros non chegaron a consultar a información que estaba á súa disposición.
Neste sentido, o vicepresidente da Xunta reclama da presidenta da Deputación, Carmela Silva, que reciba aos alcaldes destes dous concellos. Sinalou que, con todo, si se reuniu cos representantes da plataforma cotraria á fusión.
Por este motivo fixo un chamamento á máxima responsable provincial para que a Deputación realice un informe obxectivo sobre a fusión, atendendo ao expediente e tendo en conta tanto os estudos económicos que realizaron previamente os servizos da Xunta, unha consultora independente e a Universidade.
Sinalou que coa fusión incrementaranse os servizos e que os veciños experimentarán un aforro nas taxas e impostos. Entende que é necesario que se abran estes debates ante a existencia de numerosos concellos de menos de mil habitantes que perden cada vez máis veciños.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.