Rueda pon en valor o traballo do PP de Poio, "pegado ás necesidades da cidadanía"

Poio
10 de febreiro 2022

Mantivo unha reunión coa xunta local, coa mirada postas nas municipais do ano próximo

Alfonso Rueda mantivo unha reunión coa xunta local do PP de Poio
Alfonso Rueda mantivo unha reunión coa xunta local do PP de Poio / PP provincial

O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Alfonso Rueda, e o secretario xeral do partido, Luis López, mantiveron este mércores pola noite unha reunión de traballo con concelleiros e afiliados do Partido Popular de Poio, coa vista posta nas eleccións municipais que se celebran o ano próximo. 

Rueda puxo en valor o traballo de toda a xunta local, "un equipo organizado, que ten resultados, e que está moi pegado ás necesidades da cidadanía", así como do presidente local, Ángel Moldes, ao que agradeceu "o traballo serio e incansable" durante estes anos.

Un traballo "recoñecido" tamén polos veciños de Poio, e recordou que o PP gañou as eleccións municipais en 2019 e as autonómicas en 2020, e que aspira a volver a ser a forza maioritaria en dous anos. 

"Somos o partido que goberna a Xunta de Galicia, e seremos tamén o partido que goberne en Poio a partir de 2023", afirmou Rueda.

Con todo, sinalou que queda moito traballo por diante. "Temos que seguir na rúa, escoitando ás persoas. Cando se está próximo á cidadanía, escoitando o que necesitan e atendendo as súas inquedanzas e preocupacións, é máis fácil acertar".