Rueda presenta un “equipo renovado e municipalista” para dirixir o PP de Pontevedra os próximos anos

Pontevedra
17 de setembro 2021

Un bloque "con experiencia e ilusión, para consolidar o que mellor se nos dá aos políticos do PP, a política pegada ao veciño", dixo o presidente da agrupación provincial durante a presentación da nova executiva

Alfonso Rueda presenta os coordinadores comarcais da súa candidatura para presidir o PP de Pontevedra
Alfonso Rueda presenta os coordinadores comarcais da súa candidatura para presidir o PP de Pontevedra / Mónica Patxot

O candidato a presidir o PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, presentou esta tarde ante o Comité Organizador do Congreso o equipo de persoas que van formar parte da candidatura coa que se presenta ao congreso provincial que se celebra o sábado na cidade. “Un equipo renovado e cun perfil claramente municipalista”, destaca, ao sinalar que está composto na súa maioría por alcaldes, concelleiros e deputados provinciais.

"Son os que máis coñecen a provincia, os que están a pé de rúa constantemente. Son políticos que combinan xuventude con experiencia de xestión pública e que contan co aval das urnas”, engadiu.

Para conformar o equipo, Rueda tivo en conta incorporar a alcaldes novos, sen esquecerse dos que levan tempo xa gañando eleccións, así como que a provincia estivese ben representada, non só por criterios territoriais senón tamén no que se refire á súa diversidade. “Son mulleres e homes que representan a toda a provincia e plenamente comprometidos para traballar arreo”, subliñou. 

“Un equipo renovado, con experiencia e ilusión, para consolidar o que mellor se nos dá aos políticos do PP, a política de ti a ti, a política pegada ao veciño”. A nova executiva supón unha renovación de case o 70 % con respecto á de hai cinco anos. .

Así, xunto á vicepresidenta e ao secretario xeral, postos que xa anunciou que recaerán en Nidia Arévalo e Luis López, e aos oito vicesecretarios que tamén formarán parte do comité de dirección, a executiva provincial contará con coordinadores comarcais, que servirán de enlace entre a dirección e cada comarca, e con 23 vogais, que se suman aos membros natos do comité executivo.

Os coordinadores comarcais serán Roberto Álvarez Carrero (Baixo Miño), Fernando Pérez Domínguez (Caldas-Umia), Marta Valcárcel Gómez (Condado), Román Rodríguez González (Deza),  Julio García-Luego Pérez (Paradanta), Alberto Acuña Crespo (Pontevedra), Javier Tourís Romero (Salnés), Ana Simóns Sánchez (Val Miñor), Valentín García Gómez (Tabeirós-Terra de Montes), Julio García Comesaña (Vigo) y Elena Estévez Freire (Morrazo).