Rueda recibirá a insignia de ouro dos Amigos do Camiño Portugués a Santiago

Pontevedra
25 de xuño 2024

Coincidindo co 25 aniversario da inauguración do albergue de peregrinos de Pontevedra, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, recibirá a insignia de ouro da Asociación de Amigas e Amigos do Camiño Portugués a Santiago

Alfonso Rueda cos colectivos de Amigos do Camiño de Santiago
Alfonso Rueda cos colectivos de Amigos do Camiño de Santiago / Mónica Patxot

Coincidindo co 25 aniversario da inauguración do albergue de peregrinos de Pontevedra, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, recibirá a insignia de ouro da Asociación de Amigas e Amigos do Camiño Portugués a Santiago.

Así o decidiu a asemblea xeral desta entidade, que queren agradecer a Rueda "o seu compromiso co Camiño de Santiago".

A asociación subliña o apoio que o presidente galego prestou sempre ao Camiño Portugués "tanto dunha maneira particular na súa condición de peregrino como desde o lado institucional".

En concreto, este colectivo lembra a axuda prestada por Alfonso Rueda para o proxecto que permitiu acometer o acondicionamento enerxético do albergue que esta asociación xestiona desde a súa inauguración, o 11 de agosto de 1999.

Rueda aceptou recibir esta distinción, que será entregada nun acto que se celebrará nas próximas semanas en Pontevedra.

Entre 1995 e 2005 esta insignia de ouro concedíase de maneira anual. Recibírona Manuel Fraga, José Filgueira Valverde, Mariano Rajoy, Felipe VI, a Raíña Dona Sofía, Ana Botella, Julián Barrio, Jesús Pérez Varela, Gerardo Fernández Albor ou Isabel de Heredia, duquesa de Bragança.

A partir de 2005 só e distinguiu a persoas ou institucións en ocasións especiais, entre elas a Brilat (2013), o Concello de Pontevedra (2018), o entón conselleiro de Cultura, Román Rodríguez (2020) ou aos presidentes das cámaras municipais de Ponte de Lima e Viana de Castelo (2021).