O "galego de Pontevedra" Alfonso Rueda tomou posesión este sábado como presidente da Xunta de Galicia. "Tomo posesión como o primeiro servidor de Galicia, de todos vós; e con todos vós quero facer este camiño", prometeu.
É a segunda ocasión na que xura o cargo, pero a primeira na que o fai co aval das urnas.
"Son, sobre todo, pai de Beatriz e Marta, fillo de José Antonio e Lola, marido de Marta, un galego de Pontevedra, como todos nós", dixo emocionado.
No acto desenvolvido recinto compostelán de San Domingos de Bonaval, Rueda xurou o cargo sobre un exemplar do Estatuto de Autonomía de Galicia, situado xunto a outro da Biblia, aberta polo Libro dos Salmos. Previamente, celebrouse unha ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres.
No seu discurso, Alfonso Rueda defendeu o "estilo Galicia", baseado na moderación, a prosperidade e o sentidiño e postulouse como "primeiro servidor de Galicia" que vai defender " e reivindicar" o que a nosa Comunidade "merece", sen pretender ser "máis que outros, pero tampouco menos que ninguén".
Ademais, presentouse como un "aliado inquebrantable" do resto de comunidades autónomas en defensa dos "principios comúns". O seu "único obxectivo", afirmou, será o de traballar "por que as cousas vaian mellor".
Rueda reivindicou "a voz e o modo de facer as cousas" propia e a "enorme identidade" galega que "foxe de extremismos". "Sempre cremos que a boa marcha duns non tiña que supoñer un freo aos outros, a todo o mundo pódelle ir ben sen necesidade de prexudicar a ninguén", enunciou.
Rueda expresou o seu agradecemento, a quen lle precedeu no cargo, dando lectura a varios fragmentos dos seus discursos cando pasaron polo mesmo trámite: Albor, Laxe, Fraga, Touriño, e Feijóo.
Tamén asistiron a esta toma de posesión, Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; Óscar Puente, ministro de Transportes, en representación do Goberno; o expresidente do Goberno Mariano Rajoy, os presidentes autonómicos Jorge Azcón, Alfonso Fernández Mañueco e Fernando López Miras, do PP, e Adrián Barbón, do PSOE. Ademais, acudiron múltiples representantes da política e institucións.
O acto pechouno o himno galego, a cargo de Roi Casal, ao arpa, coa voz de Fátima Pego.