Rueda ve a Pontevedra como un "exemplo clarísimo" da "inestabilidade" dos bipartitos

Pontevedra
02 de xaneiro 2020

2020 será un ano electoral en Galicia e iso comezou a notarse nos discursos políticos. O 'arranque' desta oficiosa precampaña deuna Alfonso Rueda. que iniciou o ano cun almorzo informativo no que lamentou a "inestabilidade" que aprecia en varios bipartitos da provincia cando "non van nin seis meses" desde que se constituíron

Almorzo informativo de Alfonso Rueda en Pontevedra
Almorzo informativo de Alfonso Rueda en Pontevedra / Cristina Saiz

2020 será un ano electoral en Galicia e iso comezou a notarse nos discursos políticos. O 'arranque' desta oficiosa precampaña deuna o presidente do PP en Pontevedra.

Alfonso Rueda iniciou o ano cun almorzo informativo no que lamentou a "inestabilidade" que aprecia en varios bipartitos da provincia cando "non van nin seis meses" desde que se constituíron.

Un deles é, ao seu xuízo, o caso da cidade de Pontevedra. "É un exemplo clarísimo", sinalou o dirixente popular, que criticou que o executivo municipal, formado por BNG e PSOE, tivese que prorrogar os seus orzamentos.

"Xa estamos en 2020 e nada se sabe dos orzamentos", destacou Rueda, que sinalou que "se nos quere vender como normal o que é anormal".

Tras destacar outros problemas en executivos de coalición en Baiona, O Porriño, A Guarda ou Forcarei, o presidente dos populares pontevedreses defendeu a "estabilidade" que ofrece o PP á fronte da Xunta de Galicia.

"O noso obxectivo é revalidar a maioría que temos", dixo Rueda en referencia ás eleccións galegas que se celebrarán este ano, e mostrouse confiado en que Núñez Feijóo volverá repetir como candidato do PPdeG nas próximas eleccións galegas.

Alfonso Rueda asegurou que "esperamos que diga que se volve a presentar", aínda que recoñeceu que se trata dunha "decisión persoal súa" e que no partido "respectaremos sexa cal sexa a elección que tome".

A este respecto, o vicepresidente da Xunta advertiu que PSOE e VOX comparten o "mesmo obxectivo" para estas eleccións autonómicas e que identifica con "cargarse a Feijóo". Por iso, engadiu, os populares traballarán para "depender de nós mesmos" para seguir gobernando en Galicia e non ter que pactar con outras forzas.

No repaso da situación política, Rueda sinalou que "nada bo se aventura" co acordo alcanzado entre PSOE e Podemos para gobernar en coalición en España e advertiu que a Xunta non permitirá que "hipotecas" que Pedro Sánchez adquirise con nacionalistas vascos e cataláns para garantir a súa investidura supoñan máis atrasos no AVE a Galicia.

"En 2021 hai Xacobeo e non podemos estar sen AVE", sinalou Rueda, que esixiu ao ministro de Fomento, José Luis Ábalos, que diga "claramente" a data na que o tren de alta velocidade será unha "realidade".

Con isto, engadiu, o vicepresidente galego "non me refiro a cando vai estar en probas", senón ao momento "exacto" no que os cidadáns poderán comprar os seus billetes e viaxar entre Madrid e Galicia a bordo do AVE.

Ademais, Rueda explicou que entre os compromisos que a Xunta esixirá a Sánchez atópanse tamén o pago "íntegro" dos 700 millóns debidos polo Estado ou a transferencia da AP-9 a Galicia.