Mil estudantes dos centros de ensino de Caldas de Reis están a participar durante estas xornadas nunha nova edición da Semana da Cultura Científica 'Sabi@ Caldas'.
Escolares do CRA levan desde o luns en actividades do programa 'Pequeciencia' con seis experimentos adaptados á súa idade con propostas visuais de creación dunha lupa vermella e tamén de son como a experimentación da vibración dos metais en relación con outros elementos.
Durante o xoves e o venres, o Xardín Botánico e o Paseo Román López serán escenario dunha mostra de experiencias científicas no ámbito escolar realizadas durante as últimas semanas
A concellería de Cultura que dirixe Manuel Fariña é a encargada da organización desta actividade que conta coa participación de todos os centros de ensino da vila, desde primaria ata bacharelato: IES Aquis Celenis, CPI Alfonso VII, CEIP San Clemente de Cesar, CPR Plurilingüe La Encarnación e CPR Plurilingüe San Fermín, ademais das escolas de Carracedo, Saiar e San Andrés que forman o Centro Rural Agrupado.
O concelleiro nacionalista sinala que esta iniciativa permite fomentar o interese pola ciencia entre o alumnado e facilita o desenvolvemento do espírito investigador e o traballo en equipo. Fariña recoñece que todos os estudantes están moi implicados na celebración da Semana ao tratarse de aprendizaxe práctica e divertida.
O alumnado de máis idade presentará a partir deste xoves as súas creacións e xogos que se enmarcan en campos relacionados coa robótica e a tecnoloxía e mesmo con explosivos.
Caldas de Reis celebra este acontecemento desde 2017 como homenaxe a Francisco José de Caldas, un científico ilustrado colombiano de orixe caldense, que foi recoñecido fillo adoptivo da vila. Con motivo desta figura, Caldas atópase hermanado co municipio colombiano de Villamaría e colabora coa rexión do Departamento de Caldas en numerosas universidades e institucións científicas de Colombia.