Sacan a licitación dous trámites que poñen máis preto o proxecto de transporte a demanda

Pontevedra
20 de xullo 2020

O goberno local de Pontevedra deu este luns dous pasos adiante para a implantación do transporte a demanda, a tramitación dun estudo da mobilidade periurbana e a licitación da aplicación informática que coordinará esta nova modalidade de transporte

Anabel Gulías, portavoz do goberno local de Pontevedra
Anabel Gulías, portavoz do goberno local de Pontevedra / Mónica Patxot

O goberno local de Pontevedra deu este luns dous pasos adiante para a implantación do transporte a demanda, a tramitación dun estudo da mobilidade periurbana e a licitación da aplicación informática que coordinará esta nova modalidade de transporte. 

A portavoz do goberno local, Anabel Gulías, anunciou este luns ambos os trámites e valorou que é un "bo día" para a cidade porque "marcamos o pistoletazo de saída" para o inicio da contratación administrativa do transporte a demanda, unha da grandes aposta do bipartito BNG-PSOE para este mandato que nos últimos meses espertou o interese de moitas empresas estranxeiras. 

En relación co estudo da mobilidade periurbana, Gulías explicou que sae a licitación por 102.850 euros e cun prazo de execución de 12 meses. A idea do Goberno local é que a finais deste ano empeza a executarse e a finais de 2021 estea listo. 

Este estudo profundará nas propostas e explotación do transporte a demanda analizando o comportamento da mobilidade en todo o municipio, sobre todo no rural, para coñecer as solucións máis adecuadas para cada zona, en especial para as parroquias. Ademais, buscará fórmulas técnicas e legais para a súa implantación

A segunda tramitación aprobada pola Xunta de Goberno deste luns é a licitación da aplicación que permitirá establecer como vai funcionar o mecanismo do transporte a demanda. Sae a licitación por 297.460 euros e un prazo de execución de 21 meses que confían en que empezo a andar a finais deste ano. 

Gulías insistiu en que durante o proceso de elaboración dos pregos de contratación puxéronse en contacto co Concello varias empresas estranxeiras interesadas en formar parte do proceso e sinalou que será un paso importante cara a unha mobilidade máis modera en Pontevedra.

Será un "paso pioneiro" que se financiará con cargo aos fondos europeos EDUSI e que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, pretende trasladar ao reelixido presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, nunha reunión que lle solicitou para o momento no que tome posesión.