A Deputación de Pontevedra sacou a licitación a adquisición de mobiliario para o restaurante do Museo, que xestionarán os irmáns Torres Cannas a través da súa sociedade Pepe Vieira SL. O importe total desta actuación se sitúa nos 80.000 euros.
A subministración realizarase en dous bloques, un que se refire principalmente a mobles e grandes electrodomésticos e que se adxudicará por medio de concurso aberto, tal e como recolle o Boletín Oficial da Provincia deste venres, e outro para a adquisición de fornos e pequenos electrodomésticos que se contratará por procedemento negociado.
No que respecta ao concurso público, o orzamento deste bloque ascende a 53.527,98 euros e incluirá estanterías, placas de indución, mesas de traballo, mesas de soporte para fritideiras, campás extractoras, mostradores, baixomostradores, caixóns, expositores-refrixeradores de bebidas e bloques de cocción modulares, entre outros.
As empresas interesadas dispoñen de 15 días naturais para presentar as súas ofertas e, unha vez adxudicado e formalizado o contrato de subministración, disporán de 50 días para a entrega do mobiliario.