O Concello de Sanxenxo sacou a concurso por 1,1 millóns de euros o subministro eléctrico para os os edificios e instalacións públicas do municipio e o seu organismo autónomo Terra de Sanxenxo, así como a iluminación pública, fontes, semáforos, sistemas de bombeo ou rega que requiran enerxía eléctrica para o seu funcionamento. O 40% deberá ser fornecido por fontes de enerxía renovable dentro do compromiso do Concello co coidado do medioambiente e a loita contra o cambio climático.
Segundo indicaron desde o goberno local, o contrato está licitado en dous bloques: o do Concello por máis de 775.000 e o de Terra por máis de 343.00 euros e con posibilidade de prórroga por un ano.
As empresas que queiran participar no concurso deberán ser comercializadoras e autorizadas de enerxía eléctrica para exercer no territorio e especificamente na comunidade autónoma de Galicia.
Ademais, o concello e o seu organismo autónomo poderán modificar durante a vixencia do contrato as potencias contratadas nos distintos períodos e dar de baixa subministracións non necesarios en función das súas necesidades e dentro dos límites establecidos pola normativa.
Dentro do contrato tamén vén indicado que a empresa adxudicataria comprométese a prestar ao Concello e a Terra de Sanxenxo atención permanente, designará un xestor único con funcións de asistencia, informará das potencias para contratar para sucesivos contratos en cada período tarifario co obxecto de minimizar custos dos accesos á rede e deberá proporcionar toda a información do rexistro de incidencias nun prazo non superior a 7 días desde que se formalice a petición.