Sae a contratación pública a mellora integral da Escola de Música de Cerdedo por máis de 71.000 euros

Cerdedo Cotobade
30 de xaneiro 2023

Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, anunciaba este proceso para contratar a mellora integral do edificio onde se atopa a escola musical. As empresas interesadas deberán empregar a administración electrónica do Concello para presentar as súas ofertas antes do 15 de febreriro

Proxecto de reforma da Escola de Música de Cerdedo
Proxecto de reforma da Escola de Música de Cerdedo / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade saca a licitación pública a contratación da mellora integral do edificio no que se atopa a Escola de Música de Cerdedo. O proxecto conta cun orzamento de 71.049, 72 euros.

Aquelas empresas interesadas deberán utilizar o sistema de administración electrónica do Concello para presentar ofertas con data límite establecida no 15 de febreiro.

O proxecto establece a reestruturación dos espazos actuais para mellorar a eficiencia enerxética, renovar os seus usos e modernizar as instalacións. Tamén se quere potenciar a relación entre o interior do edificio e o patio exterior a través dun vestíbulo, intervención que obriga a elevar a cota do terreo para solucionar as dificultades no acceso.

Para realizar esta actuación, o Concello de Cerdedo-Cotobade asinou un convenio coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, con financiamento a cargo do Fondo de Cooperación. O conxunto de toda a obra inicial elévase a 77.000 euros.

Entre as propostas recollidas entre o profesorado da Escola de Música atópase a unión de dúas aulas situadas na planta baixa coa demolición do tabique transversal que as separa e o do corredor para crear unha gran aula de ensaio. Tamén se substituirán as xanelas para garantir o mellor illamento térmico e acústico, entre outras intervencións.