Sae a licitación o espazo para emprendedores no centro de formación da Reiboa

Poio
09 de setembro 2022

A actuación contará cun orzamento que ascende a máis de 154.000 euros, con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra 2022

Poio Crea+, o espazo para o emprendemento no Centro de formación da Reiboa
Poio Crea+, o espazo para o emprendemento no Centro de formación da Reiboa

O Concello de Poio activa o proceso de licitación do proxecto ‘Poio Crea’, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Urbanismo e que servirá para dar vida a un novo espazo de emprendemento nas actuais dependencia do Centro de Formación da Reiboa, na Seca. 

O responsable da área, Gregorio Agís, sinala que o orzamento ascende a uns 154.000 euros, IVE engadido, e que as obras se sufragarán a través de fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Unha vez aprobado o expediente, ábrese un prazo para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas en acometer a obra. Unha vez este adxudicada, Agís confía en que os traballos de remodelación das instalacións poidan comezar antes de que remate o ano, de xeito que este novo espazo estea operativo en 2023. 

"É unha gran oportunidade para a creación de empresas e para a xeración de riqueza en Poio, da man dos nosos e das nosas emprendedoras", indica o titular de Promoción Económica e Urbanismo, que salienta que o documento foi consensuado coa Asociación de Empresarios EnPoio.

Unha vez a obra estea finalizada, o Poio Crea albergará terá a capacidade de albergar talleres e actividade empresarial. Tal e como consta na memoria técnica, as obras contemplan importantes melloras tanto na planta baixa como no primeiro andar. "Tamén aproveitamos a ocasión para dotar ás instalacións de unha mellor eficiencia enerxética", explicou o concelleiro, que adiantou que a planta baixa pasará a contar "cun espazo único" que poderá ser compartido polos usuarios.