Sae a licitación o plan de asfaltados de 16 pistas de Sanxenxo por 866.427 euros

Sanxenxo
20 de marzo 2023

As empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o 17 de abril

Asfaltado e pintado do vial que comunica Contumil coa autovía do Salnés
Asfaltado e pintado do vial que comunica Contumil coa autovía do Salnés / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo sacou este luns a licitación o plan de asfaltados de viais e pistas municipais por 866.427 euros. En total realizaranse 16 asfaltados nas sete parroquias que abarcan unha superficie lineal de 5.274 metros e inclúense a limpeza e apertura de cunetas, recrecidos de pozos e pintados.

A licitación prodúcese tras os os permisos sectoriais tramitados ante a Deputación de Pontevedra, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Dirección Xeral de Costas. 

O prazo total previsto para a execución das obras é de 4 meses e serán financiadas co Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o próximo 17 de abril.

Trátase dunha actuación que permitirá mellorar a seguridade do vial destas estradas ao mellorar o seu firme, nalgúns casos notablemente deteriorado, o que dá lugar a situacións de risco e inseguridade para os usuarios. En liñas xerais prevese a extensión dunha capa de rodadura e unha regulación do firme nos tramos necesarios.

En función das características de cada vial, seguíronse unha serie de pautas de asfaltado e pavimentación para mellorar a capacidade portante do firme. Así, nun total de 10 pistas contempladas no proxecto realizarase un ensanche previo: Telleiro-Talleres Arbón, Salgueira Arnosa, A Bouza-A Lomba, Carballal, O Santo-Xunqueiriña-Polígono, Paxariñas- Barreira, Canelas, Reis-Cachadelos, Os Cotos-Paradela e A Costa- A Granxa.

Outros 3 precisan dun tratamento especial no firme como son as bandas transversais para a redución de velocidade no vial Telleiro-Hotel A Lanzada e dúas sendas peonís, unha entre Telleiro- Talleres Arbón e outra entre Salgueira e Arnosa.

A estes asfaltados sumarase tamén o do Camiño da Fontiña que saíu a licitación a semana pasada. A actuación que abarca preto de 700 metros cadrados está valorada en case 72.000 euros e conta cun prazo de execución de 2 meses. Os traballos inclúen a mellora da rede de pluviais e as canalizacións necesarias de rede eléctrica e telecomunicacións. A pavimentación executarase cunha zona central de paso no camiño de 2,20 metros de ancho a base de lastra prefabricada de formigón mentres que no pequeno ramal está previsto a pavimentación con formigón coloreado.