Sae a licitación por 600.000 euros a restauración da capela de Cortegada

O Salnés
03 de agosto 2023

A actuación contará cun prazo de execución previsto de 9 meses e centrarase na reconstrución das partes derrubadas como os muros, a bóveda ou a cuberta

Capela da Virxe dos Milagres, na Illa de Cortegada
Capela da Virxe dos Milagres, na Illa de Cortegada / Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia vén de sacar este xoves a licitación a restauración da capela da Virxe dos Milagres, na Illa de Cortegada, cun investimento de case 600.000 euros. 

Trátase dunha actuación que contará cun prazo de execución previsto de 9 meses e que se centrará na reconstrución das partes derrubadas da edificación.

Así, o obxectivo desta intervención impulsada pola Consellería de Cultura é que este ben incluído no ámbito de protección do PXOM de Vilagarcía de Arousa polo seu valor cultural se incorpore aos usos do Parque Nacional das Illas Atlánticas e contribúa a recuperar a memoria e historia da Illa e das súas xentes.

Para iso, o proxecto promovido polo Goberno galego, que dá continuidade aos traballos feitos no ano 2017, inclúe a reconstrución da partes derrubadas como a bóveda, muros e cuberta recuperando as pezas de cantería, tarefas de limpeza, o saneamento e drenaxe do pavimento interior e a colocación de novas carpinterías de madeira.

Ademais, os traballos previstos tamén contemplan o acristalamento das ventás mantendo a necesaria ventilación, a execución dunha nova cuberta e o acondicionamento do exterior da capela, atrio e escaleiras. Estes labores faranse de xeito paralelo a unha investigación arqueolóxica de todo o conxunto que permita ter máis información deste importante espazo patrimonial.

EDIFICACIÓN DE ESTILO RENACENTISTA

A capela da Virxe dos Milagres, na Illa de Cortegada, é unha edificación de estilo renacentista da que actualmente se conservan restos da sancristía e do antigo hospital, xunto a súa fachada sur. A falta de mantemento e conservación provocou a súa ruína e derrubamento ata que no ano 2017 a Xunta de Galicia levou a cabo tarefas urxentes de consolidación no interior e exterior da capela que frearon o seu deterioro.