Carlos Fontán Ruiz e Javier Mori De Soignie, responsables da Sala Zennet, situada no Club Naval de Pontevedra, garanten á súa clientela que seguirán abertos con normalidade.
Realizan esta afirmación en resposta á publicación en Diario de Pontevedra dunha resolución de Portos de Galicia ordenando o cesamento da súa actividade como discoteca. Estes dous empresarios aseguran que teñen licenza como café-espectáculo e "cumpren" todas as esixencias, de modo que non pecharán.
Fontes oficiais de Portos de Galicia confirman a PontevedraViva que a sala non ten que pechar, senón cesar na súa actividade como discoteca. A condición de que cumpran cos requisitos marcados para un café-espectáculo, poderán seguir funcionando con normalidade.
A orixe deste conflito son unha serie de denuncias veciñais. Este negocio abriu o 5 de outubro, pero xa meses antes anunciou cal sería a súa actividade. Tras aquel anuncio, en maio, chegou a primeira denuncia. Faltaban case cinco meses para abrir.
Desde entón, sucedéronse varias, primeiro dun único veciño, logo dun segundo e recentemente xa como comunidade de propietarios dun edificio situado na avenida de Uruguai, case enfronte do Club Naval. En total, suman 33 denuncias e, desde a súa apertura, unha cada fin de semana.
Esas denuncias non son, en realidade, contra a Sala Zennet, senón contra o Club Naval de Pontevedra e Portos de Galicia e os hostaleiros afectados apuntan a que o autor inicial foi un veciño que, ademais, "ostenta un cargo público no Porto de Marín".
Esas denuncias chegaron a Portos e, tras revisar a situación do local, decidiron ordenar este peche de actividade. Os motivos? Que consideran que a súa actividade non se corresponde coa dun café-espectáculo que teñen autorizado en canto potencian o baile entre a súa clientela e, por tanto, son unha discoteca, unha actividade que nunca podería estar permitida nas instalacións portuarias. E que solicitaron licenza de actividade, pero non licenza de obra.
Respecto diso, Fontán e Mori insisten en que "temos todo legalizado en canto a tema de actividade e de obras". Así, en xuño Portos de Galicia deulle licenza de actividade e logo o Concello de Pontevedra tanto de obras como de apertura. Indican que non se pediu licenza de obras a Portos porque consideran que esa é unha competencia municipal.
Carlos Paz, responsable do Club Naval de Pontevedra, confirma este extremo e engade que "sempre houbo actividade nese local e nunca se pediu licenza de obras a Portos". Así, asegura que, antes da Sala Zennet houbo no primeiro piso do Club Naval outros negocios de hostalaría e para todos eles pediron licenza de actividade, pero "nunca licenza de obras".
A primeira resolución remóntase xa ao mes de novembro. Comunicóuselle ao Club Naval, como parte denunciada por ser titular do local que ceden á Sala Zennet en réxime de concesión durante dez anos. E Carlos Paz asegura que xa desde entón responderon a todo o que lle pediu Portos.
Así, sinala que primeiro lle pediron regularizar as obras con Portos de Galicia, non só co Concello de Pontevedra e enviáronlles o proxecto. Logo, pedíronlles que ese proxecto debía ser visado por un arquitecto.
Esta mesma semana enviaron a Portos o proxecto visado e tamén outra documentación relativa ao estudo de cargas, unha cuestión estrutural. "Envióuselle todo" e agora confían en que a situación quede resolta e non sexa necesario pechar nin afecte tampouco á actividade do Club Naval.
A cuestión relativa a esa licenza non lle afecta á Sala Zennet, pero si lle afecta a forma na que se regula a súa actividade. Neste punto, insisten en que "non somos unha discoteca" e cumpren coas normas en canto ao horario de peche e aforamento.

A pesar de que tamén houbo queixas ante a Policía Local, non existe ningunha infracción por esta vía. Así, é habitual que cada fin de semana reciban chamadas veciñais e se presenten na zona, pero nunca confirmaron esas queixas, "non hai denuncias nin da Policía nin do Concello", aseguran tanto Carlos Paz como os responsables da Sala Zennet.
Así, este local abre toda a semana e, durante os fins de semana, alargan o seu horario até as 5.30. Aseguran que son escrupulosos e cúmpreno. Esa parte non se discute, o que si entra en debate é como se desenvolve a actividade, en conto a que se permita e potencie o baile dentro do local. "Nós non temos unha pista de baile", insisten os dous hostaleiros.
Ademais de haber denuncias ante Portos, tamén as hai ante o Concello de Pontevedra, Costas e o Parlamento Europeo. "Denúncianos en todos lados, pero ben, é libre de denunciar", indican estes dous empresarios, que engaden que este veciño alega que, coa súa apertura, "devalúase o seu piso". Consideran que "é unha cruzada" contra eles.
Outras queixas recibidas foron porque a clientela que sae do local "cruza por fóra do paso de peóns", unha reciclaxe inadecuada ou comportamentos incívicos que as persoas que acoden a este local logo ouriñan na vía pública.
Fontán e Mori aseguran que si, chegado o momento, un xuíz os obriga a cambiar a súa actividade ou pechar, acatarán a decisión xudicial, pero "non cesamos a actividade ata que nolo diga un xuíz". Tamén avisan que, se iso ocorre, "solicitaremos un lucro cesante polo investimento que se fixo e os 10 anos que nos quedan aquí de contrato por unha rendibilidade da que se nos está privando".