Salcedo apraza a novembro a aprobación do acordo con Defensa

Pontevedra
26 de outubro 2013

Os comuneiros de Salcedo pospoñen a votación sobre a proposta de convenio formulada polo Ministerio de Defensa para o aluguer de 60 hectáreas pertencentes á Comunidade de Montes para uso da Brilat

Asemblea da Comunidade de Montes de Salcedo
Asemblea da Comunidade de Montes de Salcedo / Diego Torrado

Ata o mes de novembro non se coñecerá a decisión dos comuneiros de Salcedo en relación á proposta de convenio formulada polo Ministerio de Defensa para o aluguer de algo máis de 60 hectáreas dos terreos comunais para uso da Brilat.

A asemblea celebrada este sábado pola Comunidade de Montes decidiu aprazar a votación prevista ante o atraso na entrega do borrador por parte de Defensa, atribuída á complexidade do levantamento topográfico que está a realizar o Ministerio antes de pechar o acordo definitivo, que permita a continuidade da Base Xeral Trasfogueiro na súa actual situación.

Así o recoñeceu o presidente dos comuneiros de Salcedo, Fernando Pintos, quen asegura que se convocará de novo un encontro "nunha semana ou 15 días".

O convenio, que considera a cesión destes terreos cun canon de 0,18 euros por metro cadrado, liberaría aproximadamente 110 hectáreas de monte da parroquia para uso comunal, e incluiría o traslado do polémico campo de manobras, ou aldea afgá, a un lugar máis afastado dos núcleos habitados.

Pintos limitouse a explicar na asemblea o estado das negociacións e mostrouse convencido de que este pequeno contratempo "non varía nada" nun asunto que "está perfectamente saldado e arranxado", en relación ao principio de acordo ao que se chegou na última reunión con Defensa e que considera as mesmas compensacións para o resto de comunidades, as de Vilaboa, Figueirido e San Xulián.

Arquivado en